30 de novembro presentarase Nós Diario no Culturgal

Nós diario
'Nós Diario' está cada vez máis perto. Mentres avanza o deseño do diario dixital, o diario en papel ultima os detalles para ser presentado publicamente cun número cero de proba o 30 de novembro

O 2 de xaneiro de 2020 é a data programada para a saída de Nós Diario no seu soporte en papel e no dixital, mais antes será posíbel coñecer as súas principais características coa publicación do número cero. Un especial que se presentará o próximo 30 de novembro, no marco do Culturgal, e que dará a coñecer tanto o diario en papel como o suplemento de fin de semana no que se reconverte o Sermos Galiza. Será unha edición a 64 páxinas, 32 do diario e 32 do suplemento, a toda cor, tal e como sairá á rúa e chegará as casas todos os sábados do ano que vén.

De terzas a sextas, Nós Diario presentará a información en 32 páxinas a cor e os domingos e segundas, cando o diario en papel non sae —a edición en papel cinco días á semana supón un aforro nos custos de produción que fan viábel o proxecto e ademais garante o dereito ao descanso de fin de semana das traballadoras e traballadores—, toda a actualidade será recollida no diario dixital.

A redacción de Nós Diario traballa desde o 1 de outubro na posta en marcha do medio

Deseñado por Pepe Barro, un dos mellores grafistas da Galiza, autor tamén da renovación do semanario Sermos Galiza en xaneiro de 2017, Nós Diario presentará a información nestas grandes seccións: Galiza, Economía e Traballo, Internacional, Cultura e Axenda. Tamén contará con dúas seccións de ruptura: En Foco, no medio do xornal, e Opinión, cun editorial que se publicará en todas as edicións. Desde o 1 de outubro, a redacción de Nós Diario, baixo a dirección de María Obelleiro e da subdirección de Xesús Manuel Piñeiro, ultima as características xornalísticas do medio. Trátase dun equipo de profesionais da información cuxa media de idade se atopa nos 35 anos e que conforman un equipo que mestura a experiencia de profesionais de ampla traxectoria en medios galegos coa formación máis actual de xornalistas graduadas nos últimos anos na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Como organismo vivo que é, Nós Diario enriquécese coas ideas de todas, xenerosidade, rigor, ilusión e ganas.

Por que agora Nós Diario?

Que é un proxecto necesario non se dubida. A idea comezou a tomar corpo a raíz da celebración do quinto aniversario de Sermos Galiza, en 2017. Foi entón cando o Consello de Administración, encabezado por Xoán Costa, comezou a pensar en ir alén. En agosto de 2017 trazáronse as principais liñas de acción e o 24 de novembro dese mesmo ano fíxose público o proxecto para a saída dun diario en papel e dixital en galego. Nese momento xa estaban claros os prazos e as fórmulas: tratábase de conseguir 3.000 asinantes, a cifra mínima para garantir a estabilidade financeira do medio. Unha vez logrado, o número de subscritoras e subscritores continuou en aumento para facer do diario un medio de máis calidade. Aínda podes sumar máis mans! Subscribe o teu círculo de amizades en www. nosdiario.gal.

Cal foi a cronoloxía dos feitos?

O 24 de novembro de 2017, o Consello de Administración de Sermos Galiza publicaba un comunicado que daba conta do proxecto para a saída do diario. O 27 de xaneiro de 2018, en Compostela, máis de 200 persoas, representantes do tecido económico, social, cultural e político, participaban no acto de presentación das liñas básicas da iniciativa. Após meses de percorrer Galiza para dar a coñecer o proxecto, o 19 de xaneiro de 2019, perante o mapa de Fontán que se acha no Parlamento da Galiza, o Consello de Administración de Sermos Galiza anunciaba que se chegaran ás 3.000 subscricións. O 4 de maio de 2019 presentábase en Compostela a cabeceira Nós Diario e 1 de outubro estreábase a redacción e empezábase a desenvolver o traballo xornalístico. O próximo paso será o 30-N.

Non chega anos tarde o diario?

Non. A experiencia non chega tarde. Faise no momento en que se considerou que era posíbel chegar ás 3.000 subscricións mínimas para garantir a estabilidade financeira do proxecto e no momento en que o xornalismo ten que ser multiplataforma e transmedia. As investigacións aseguran que o futuro do xornalismo pasa por potenciar e combinar os diferentes soportes. Hai que lembrar que se prognosticaba que o nacemento da televisión poría fin á radio, que o nacemento de internet acabaría coa televisión, que os libros electrónicos acabarían cos libros en papel. E nada disto aconteceu. Nós Diario apostará en aproveitar as potencialidades que ofrece o papel —que segue a ser o soporte ao que se lle outorga unha maior credibilidade— coas da linguaxe multimedia a través da rede-

Que xornalismo practicará?

Nós Diario non pode ser apenas un medio en galego. Vai ser un medio que evidenciará a situación de dependencia da Galiza. Un medio aberto, alternativo, de intereses galegos e con estratexias de actuación cos territorios lusófonos. O xornalismo que practicará o diario nos seus dous soportes desenvolverase sen interferencias, cunha axenda propia, ollando para a Galiza e para o mundo desde nós. Practicaremos un xornalismo profesionalizado, honesto e rigoroso, baseado en datos e fontes fidedignas. Un xornalismo plural que dea voz a quen non a ten e que ofreza espazos para a reflexión, acompañados de pezas serias, veraces e contrastadas. Un xornalismo socialmente responsábel, con Galiza como referencia. Nós Diario quere ser un medio libre e incorruptíbel.

Que pasa se xa son subscritora?

Aínda que a empresa editora é a mesma, Nós Diario comeza desde cero, polo que se es subscritora de Sermos Galiza e non o es de Nós Diario debes subscribirte á nova cabeceira se queres recibir de terzas a sábados o diario (os domingos e segundas, o diario estará actualizado na rede, en www. nosdiario.gal). Os sábados recibirás tamén Sermos Galiza, que desaparecerá no seu formato actual para se converter en suplemento de fin de semana do diario. Axustamos os prezos de subscrición o máximo posíbel e desde 20 euros ao mes, na modalidade de lectura do xornal na nube, en PDF, poderás ser asinante de Nós Diario. O primeiro cargo da subscrición pasarase a mediados do próximo mes de decembro.

 Podo agasallar o diario?

Nós Diario pode ser o mellor agasallo para as persoas de pensamento aberto, actual e implicadas, que non ven reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social e que queren un medio galego, é dicir, aquel que coloca a lingua propia como único idioma de comunicación e Galiza como miradoiro. O Nadal mais tamén un aniversario poden ser a escusa perfecta para agasallar unha subscrición que permitirá rachar coa anormalidade que supón que da ducia de cabeceiras diarias que operan no país ningunha saia en galego nin teña Galiza como centro. Todas as modalidades de subscrición en www.nosdiario.gal .

Como se garante a súa independencia?

Sermos xornalistas implica asumirmos un compromiso coa sociedade, sen censuras, sen autocensuras, sen presións e sen clientelismos. Quen renuncia a iso, deixa de ser xornalista e pasa a ser escritora ao ditado ou relacións públicas. Nós Diario, en todos os seus soportes, quere ser unha prensa libre e incorruptíbel. Un medio que practique xornalismo crítico e que non estea amordazado pola subvención nin pola banca. Acreditamos en que unha sociedade libre non se consegue sen prensa independente que renda contas perante a verdade, a honestidade e o interese galego. Sustentar a nosa viabilidade económica no conxunto de persoas asinantes permitiranos editar cada día un xornal plural e practicar un xornalismo sen cancelas, un xornalismo de calidade.

Recibirei o diario na miña casa?

Recibiralo onde gostes. Por medio duns vales terás acceso a recoller o diario no quiosque ou no punto de venda de prensa que mellor che acaia, pois contaremos cunha distribuidora profesional que chegará a toda Galiza. Nas cidades e vilas, recibirás o diario a primeira hora da mañá na túa morada por medio da empresa de distribución. No caso de vivires nun edificio con portal exterior comunal, deberás permitir o acceso, mediante a chave, para así poder deixar o diario de terzas a sábado na túa caixa de correo postal. Nas próximas semanas porémonos en contacto contigo para che explicar como proceder neste caso. Se es subscritora ou subscritor en PDF, habilitarémosche un espazo de lectura a través dunha aplicación web en que poderás darte de alta e onde terás á túa disposición os números que desexes