30 de marzo, Día Internacional das Traballadoras do Fogar

O 98% das persoas empregadas do traballo do fogar son mulleres

Oxfam Intermón esixe que as políticas de reconstrución garanticen os dereitos laborais e a protección do salario (Foto: Europa Press)

Hoxe, 30 de marzo, Día Internacional das Traballadoras do Fogar, cómpre recordar a gran precariedade na que viven as traballadoras deste sector tan esencial para a sociedade

O colectivo das traballadoras do fogar e de coidados é un dos máis precarios da sociedade, tanto a nivel galego como a nivel estatal. Se ben as labores do fogar conforman un sector totalmente esencial para a sociedade, as persoas que traballan nel, mulleres case na súa totalidade, non contan coas condicións laborais que deberían ter.

Con motivo do Día Internacional das Traballadoras do Fogar, a ONG de cooperación para o desenvolvemento, Oxfam Intermón, entre cuxos obxectivos recolle “a promoción da xustiza de xénero”, presenta os datos do seu informe “Esenciales y sin derechos. O cómo implementar el convenio 19 de la OIT para las trabajadoras del hogar”, que demostran a difícil situación que vive este sector, sendo un dos máis golpeados pola precariedade e a pobreza no mercado laboral.

Con respecto á Galiza, o informe recolle cifras moi preocupantes. No territorio galego hai un total de 34.561 persoas empregadas no sector dos traballos do fogar, das cales o 97’9% son mulleres. Ademais, unha cuarta parte do total de traballadoras do fogar e de coidados son mulleres estranxeiras, as cales adoitan estar dobremente discriminadas, mentres que a nivel estatal a cifra sube a máis da metade. Cómpre destacar tamén que a porcentaxe de parcialidade involuntaria no sector é de case un 60%.

As traballadoras do fogar conforman o 5’7% do total de mulleres empregadas na Galiza, e seguen sen contar cunhas condicións laborais dignas. Segundo o propio colectivo, as afectadas adoitan enfrontarse con traballos sen seguro nin contrato, mesmo cando se trata do coidado de persoas dependentes como crianzas ou maiores, condicións que se agravan no caso das traballadoras internas.

O sector das traballadoras do fogar e de coidados de persoas dependentes empeorou de forma notábel durante a pandemia

Esta situación agravouse aínda máis durante a pandemia debida á Covid-19 que, pese a demostrarse a importancia do seu labor, as condicións do sector empeoraron de maneira notábel. Actualmente, no conxunto do Estado español, o 32’5% das traballadoras do fogar vive no límite da pobreza. Por todo isto, Oxfam Intermón pide que se teñan en conta as traballadoras do fogar e que se equiparen os seus dereitos ao do resto de persoas asalariadas.

Nesta situación de pandemia, o clixé de “coidar a quen nos coida” non debería reducirse ao persoal sanitario. O colectivo de traballadoras do fogar e de coidados de persoas dependentes carga sobre os seus ombros un labor fundamental para saír desta crise.