'Nós Diario' conversa con Pablo Villar, patrón do 'Novo Confurco'

30 horas confinados nun barco con tres positivos: sen protocolo nin garantías

A tripulación do 'Novo Confurco' cuestiona o procedemento do Sergas (Foto: Nós Diario).
O segundo patrón do pesqueiro 'Novo Confurco', Pablo Villar, denuncia que a súa tripulación tivo que permanecer en corentena durante máis dun día a bordo con persoas contaxiadas da Covid-19, nun "espazo moi reducido" no que resultaba "imposíbel" cumprir as medidas sanitarias de prevención.

O pesqueiro Novo Confurco atracou en Vigo o pasado 12 de agosto. Porén, a súa tripulación xa puxera sobre aviso tres días antes o Centro Radiomédico do Estado do posíbel xurdimento dun gromo da Covid-19 a bordo. Decidiron voltar á Galiza e rematar a súa travesía polo Gran Sol —no Atlántico Norte— cando un mariñeiro comezou a padecer síntomas graves, como febre elevada e malestar xeral, seguindo o consello das autoridades sanitarias.

Ao arribaren, esta persoa foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro cun principio de pneumonía, mais os seus compañeiros —todos xa vacinados excepto un— debían ficar na embarcación á espera de recibir novas ordes.

"A nosa sorpresa ao chegarmos a Vigo foi a falta de seriedade e de seguridade, porque todo o que fixo o Servizo Galego de Saúde (Sergas) careceu de sentido desde o primeiro minuto", explica a Nós Diario o segundo patrón do Novo Confurco, Pablo Villar.

O mariñeiro lamenta a "falta dun protocolo concreto" para actuar nestes casos, xa que, afirma, tanto el como o resto da tripulación afrontou unha "situación surrealista" aquela semana. "Despois de tres días de navegación con posíbeis contaxios a bordo, o lóxico sería que nos recibise no porto o persoal sanitario para facernos as probas PCR e indicarnos como proceder. Mais só estaba aí o presidente da Autoridade Portuaria [o ex conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña] para tomar a fotografía de rigor e marchar", indica.

O buque atracou ás 12 horas do mediodía, mais o cribado non se realizou até as 14 horas e os resultados non chegaron até pasadas as 21.30. Nese momento souberon que tres tripulantes máis —alén do que xa fora hospitalizado— deran positivo; os sete restantes, negativo. O anuncio trasladóullelo o armador do barco, "que fixo de intermediario todo o tempo ante a ausencia do Sergas".

Unha corentena "sen garantías sanitarias"

Así as cousas, malia que nun primeiro intre dixéranlles que poderían abandonar o Novo Confurco após confirmaren o resultado negativo da PCR, o protocolo mudou: deberían permanecer a bordo até se coñecer a variante do coronavirus que provocara as infeccións. "Mais a día de hoxe, dúas semanas despois e xa na casa, aínda non nolo comunicaron", comenta.

Durante as 30 horas seguintes —até que se lles permitiu saír do buque—, os sete tripulantes sans tiveron que compartir as instalacións dunha pequena embarcación con tres positivos confirmados da Covid-19, polo que resultou "imposíbel" manter o distanciamento social de 1,5 metros nos corredores. "Ninguén nos dixo canto tempo iamos ficar en corentena, só que non podiamos saír do barco. Aí dentro compartimos os camarotes, temos un baño común... Non se daban unhas mínimas garantías de seguridade nin recibíramos información ningunha por parte do Sergas, foi un auténtico caos", censura Villar.

De feito, os propios mariñeiros tiveron que exercer de sanitarios no tempo que durou o illamento e vixiar a temperatura e as constantes vitais dos contaxiados neste buque pesqueiro.

O patrón pregúntase "como é posíbel que logo dun ano e medio de pandemia poidan confinar un barco nestas circunstancias", e urxe o Sergas a "elaborar un protocolo" para situacións como a que vén de padecer a súa tripulación.

"Á xente do mar dásenos un trato diferente, e non o comprendemos. Deberían ternos enviado ás nosas casas a cumprir a corentena, e habilitar un hotel para os tripulantes que non teñen aquí vivenda porque non son residentes, como fai o Sergas cos contactos estreitos doutras persoas positivas da Covid-19, que se desprazan para facer a PCR e logo volven aos seus domicilios. Non te podes confinar nun lugar que non é seguro", salienta.

Mais o do Novo Confurco non foi un caso illado. Apenas unha semana antes, o pesqueiro Manuel Lara arribou ao porto de Vigo con nove dos doce tripulantes infectados, e a actuación por parte do Sergas foi idéntica. "Tiveron que pasar a noite no barco, e tampouco se dirixiu a eles en ningún momento o persoal do Sergas. É algo totalmente ilóxico", insiste o patrón, que insta a Consellaría de Sanidade a "crear un protocolo axeitado" para situacións como as vividas nas últimas semanas en Vigo.

Irlanda libera o buque 'Punta Vixía', retido por unha suposta infracción

Noutra orde, o barco de arrastre vigués Punta Vixía, de bandeira francesa, foi liberado nesta cuarta feira polas autoridades irlandesas, previo pago dunha fianza superior aos 100.000 euros. A embarcación fora detida na pasada fin de semana, a 110 millas ao sur do cabo Mizen —no sur de Irlanda— por unha suposta infracción da normativa pesqueira. Posteriormente foi trasladada ao porto de Castletownbere e posto a disposición das autoridades policiais do país.

Segundo explicou a empresa armadora, na terza feira decorreu a vista do xuízo e abonouse a contía requirida, polo que o buque, con doce tripulantes a bordo, puido retomar nesta cuarta feira a súa travesía cara ao caladoiro do Gran Sol para seguir faenando, mais aínda se atopa á espera da decisión da Xustiza irlandesa sobre a presunta infracción.