30% do fracaso escolar ten a ver con problemas de visión non detectados: como sei que unha crianza non ve ben?

Ópticos recomendan facer revisións periódicas da vista. (Foto: Evgenia)
O Colexio de Ópticos-Optometristas da Galiza salienta a importancia de realizar revisións periódicas ás crianzas e advirte un notábel incremento de casos de miopía xuvenil por mor do "uso excesivo de pantallas dixitais".

Máis unha 'volta ao cole' e, alén dos libros e o material escolar, cómpre prestar atención a outras cuestións chave. O Colexio de Ópticos-Optometristas da Galiza convida a realizar revisións visuais das crianzas antes de retomaren as aulas, a fin de "comprobar o correcto funcionamento da visión para que poidan facer sen impedimento as tarefas cotiás, como os deberes ou estudar".

Así o manifesta este colectivo de profesionais nun comunicado remitido aos medios, no que alerta de que a visión é un dos sentidos máis importantes, xa que representa "entre 80 e 90% da información percibida do exterior".

"Aínda que o sistema visual sofre mudanzas até que alcanza a súa madurez, as revisións visuais son importantes para detectar alteracións ou patoloxías que poidan manifestarse na infancia", subliñan desde o colexio.

As patoloxías máis comúns

O seu presidente, Eduardo Eiroa, apunta que entre as alteracións visuais que poden producirse en idades temperás áchanse a ambliopía —ou ollo 'preguiceiro'—, a miopía, a hipermetropía, o astigmatismo, o estrabismo ou variacións na refracción, alén doutros problemas que poden dificultar labores como a lectura.

"As revisións da visión en idade escolar son moi importantes debido a que o fracaso escolar está relacionado coa manifestación de problemas visuais", indica Eiroa, que precisa que "se estima que 30% do fracaso escolar na infancia está relacionado con problemas de visión non detectados".

Desde a entidade explican tamén que se está a incrementar a incidencia da miopía xuvenil por mor do "exceso de horas que dedican as crianzas ás pantallas dixitais". Así, advirten que cómpre "concienciar" sobre a necesidade de facer un uso "moderado" da tecnoloxía dixital na infancia, dado que este tipo de miopía, se ben acostuma manifestarse entre os 6 ou 8 anos, pode seguir medrando alén dos 18.

'Avisos' dunha mala visión nas crianzas

Desde o Colexio de Ópticos sinalan tamén que existen determinados signos que poden levantar sospeitas de posíbeis problemas visuais. Os principais aos que deben prestar atención tanto pais e nais como docentes no comportamento da crianza é se torce a cabeza cando le, ten dificultades para concentrarse constantemente, non pode ler o taboleiro da aula desde lonxe, desvía os ollos, confunde palabras, chisca un ollo de forma reiterada, achégase demasiado aos textos, sofre escozor nos ollos ou salta palabras ao ler.