25% do cadro de enfermaría adscrito aos centros de saúde galegos é maior de 62 anos

30% do persoal médico de Atención Primaria supera os 62 anos de idade

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).

A Atención Primaria da Galiza é unha das peores dotadas en persoal e recursos no Estado. A isto, contribúe de xeito decisivo que a Administración galega, canda a madrileña, sexa a que menos invista neste servizo, dedicando 2,3 puntos menos que a media estatal. A propia Xunta recoñece un empeoramento da situación.

A falta de persoal médico na Atención Primaria é un feito. Ás repetidas protestas demandando o restabelecemento dos servizos sanitarios suprimidos nos centros de saúde, súmanse agora os informes oficiais achegados pola Xunta da Galiza, que confirman unha caída na cobertura das  persoas usuarias. A este respecto, o Instituto Galego de Estatística (IGE) recoñece a existencia de 2.625 prazas de facultativos na Atención Primaria en 2021, último ano con datos, significando, recentemente, o Goberno galego que 52 delas están sen cubrir.

Os cadros de persoal en medicina están moi envellecidos en Atención Primaria. Segundo datos recollidos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), 15,9% dos facultativos dos centros de saúde da Galiza superan 64 anos. Así, 17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre os 66 e os 69 anos e 169 teñen 65 anos, como consecuencia dun proceso marcado polos recortes orzamentarios e a falta de previsión por parte da Xunta da Galiza. Tanto é así que o Goberno galego, coñecendo as futuras dificultades de persoal, estabeleceu a xubilación obrigatoria aos 65 anos para estes profesionais entre 2013 e 2018.

A situación non é mellor no grupo de entre 63 e 64 anos. Neste segmento de idade atópanse 14,4% das médicas e médicos galegos de Atención Primaria, situándose 211 en 64 anos e 174 en 63 anos. A este respecto, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que “estes dados acreditan unha tendencia coñecida desde hai tempo, consecuencia da mala xestión do Sergas e do Ministerio de Sanidade”.

Falla de enfermeiras

A especialidade de enfermaría atópase diante dunha situación semellante. O IGE certifica 2.316 enfermeiros e enfermeiras en activo na Atención Primaria galega no exercicio de 2021. Segundo os dados recollidos no Informe de recursos humanos da enfermaría 2020, elaborado polo Consello Xeral da Enfermaría, a ratio de enfermeiras no país é de 5,19 por cada 1.000 habitantes, fronte a 6,02 do conxunto do Estado. Só Murcia, con 4,59 profesionais por cada 1.000 habitantes, e Andalucía, con 5, rexistran unhas cifras peores que a Galiza, situándose nos postos de cabeza Nafarroa, con 8,6; Euskadi, con 7,69; e Melilla, con 7,14.

A fenda da Galiza cos Estados da Unión Europea (UE) é aínda máis grande. Así, a ratio media para o conxunto da UE atópase en 7,68 enfermeiras por cada 1.000 habitantes, precisando aumentar o cadro de persoal do Sergas en 6.695 persoas para achegarse a esa porcentaxe. Outro tanto acontece cos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), con 8,18 enfermeiras por cada 1.000 habitantes, ficando, tamén, moi lonxe das cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde(OMS). Cumprir cos estándares da OMS requiriría contratar 9.368 profesionais.

A idade dos profesionais de enfermaría na Galiza é, tamén, moi elevada. Así, a información procedente do Sergas sinala que 9,8% enfermeiros e enfermeiras superan 65 anos de idade, con tres en 70 anos, 65 na faixa de 69 a 66 anos e 160 en 65 anos. Asemade, 15,3% atópase no grupo de idade de entre 63 e 64 anos, con 162 profesionais en 64 e 193 en 63 anos.

Á cola en matronas

A cousa non está mellor para as matronas. Segundo sinalan desde a Asociación Galega de Matronas, 85 das 152 matronas actualmente en exercicio na Atención Primaria van estar xubiladas nos próximos cinco anos, concentrándose o groso das baixas nas áreas sanitarias da Coruña, con 45; e de Pontevedra, con 27. Neste sentido, desde o colectivo consideran “urxente ofertar máis prazas de matrona e ofertar contratacións estábeis” e alertan da fuga de profesionais cara outros territorios.

Os últimos datos sobre as ratios de matronas proceden do sindicato Satse. Así, nun documento referido a 2020, sinala que a Galiza ocupa o último lugar do Estado, con 12 profesionais por cada 100.000 mulleres, ficando a seis puntos da media estatal e moi lonxe das cifras presentadas por Cantabria, con 29 por cada 100.000, e Euskadi e Nafarroa, con 24 por cada 100.000.