Unha de cada tres verteduras industriais perigosas no Estado rexístrase na Galiza

Na Galiza hai rexistradas 730 verteduras autorizadas de tipo industrial. (Foto: Nós Diario)
A Galiza concentra ao ano perto de 360 millóns de metros cúbicos de verteduras industriais con substancias perigosas. É un terzo das verteduras deste tipo que se rexistran no conxunto do Estado. Ademais, as bacías galegas reciben unha de cada catro verteduras "de risco alto" que hai no Estado español.

O Censo Nacional de Verteduras que elabora o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) permite tomar o pulso anualmente ás verteduras autorizadas que se producen no Estado, tanto no dominio público hidráulico como marítimo. É dicir, tanto os que van ás augas costeiras, como aos ríos, lagoas ou mesmo ás augas subterráneas. 

O último informe, publicado en 2022, indica que na Galiza hai 730 verteduras autorizadas de tipo industrial ao ano, que suman entre todas elas 2.350 millóns de metros cúbicos ou, o que é o mesmo, 2.350 hectómetros cúbicos. Cun só hectómetro cúbico poderían encherse aproximadamente 400 piscinas de tamaño olímpico

Por augas residuais industriais enténdense todas as augas residuais vertidas desde locais utilizados para calquera actividade comercial ou industrial, que non sexan augas residuais domésticas nin augas de escorrentía pluvial.

Deses 2.350 millóns de metros cúbicos, case 360 millóns son de "substancias perigosas", segundo a propia denominación que se fai no censo. Baixo este epígrafe englóbanse aquelas verteduras que "conteñen substancias tóxicas, persistentes ou bioacumulábeis", entre outras.

Os rexistros indican que a Galiza concentra unha de cada tres verteduras industriais de substancias perigosas que hai no Estado, onde o total é de 1.160 millóns de metros cúbicos anuais (ou 1.160 hectómetros cúbicos). Deles, 31% —eses 360 millóns— decorren en bacías galegas.

Diferenzas por bacías

Na demarcación hidrográfica Galiza-Costa hai 84 puntos de vertedura e o seu volume é de 73,6 millóns de metros cúbicos. Na demarcación Miño-Sil, os puntos de vertedura son menos —16— mais o caudal desas verteduras con substancias perigosas é moito maior: 286,7 millóns de metros cúbicos. O número de verteduras na Galiza é pois de 100 fronte ás 770 do conxunto do Estado.

"Risco alto"

O Censo do Miteco non se centra só nas verteduras con substancias perigosas, senón que contempla tamén aquelas outras como as de clase 1, 2 e 3 —risco baixo, medio e alto, respectivamente— ou as que proceden de piscifactorías, desalgadoras ou achiques de minas.

No que atinxe ás de clase 3, risco alto, que engloban aquelas verteduras de actividades de tratamento de superficies, curtidos e zootecnia, a Galiza rexistra unha de cada catro verteduras que hai no Estado: 54 de 226.

De nos centrar no volume, anualmente hai na Galiza 250.000 metros cúbicos de derrames de "risco alto"; unha cifra que no conxunto do Estado español elévase a máis de 65 millóns de metros cúbicos.

Outra categoría de verteduras industriais autorizadas onde a Galiza destaca é a relativa ás piscifactorías. Galiza rexistra 113 das 284 verteduras que hai en todo o Estado e 1,6 millóns de metros cúbicos de verteduras destas instalacións dos 3,8 millóns do total estatal.

Máis industriais que urbanos

O censo indica que na demarcación Galiza-Costa apenas 9% dos vertidos rexistrados na súa área son urbanos —augas residuais domésticas, mesturadas coa da chuvia ou a mestura destas con industriais— mentres que 91% son industriais. Na do Miño-Sil, esa porcentaxe é de 14% para as verteduras urbanas e 86% para as industriais.

En setembro de 2021 a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende Augas da Galiza, informaba de que entre xaneiro e ese mes foran rexistradas 1.648 verteduras nas rías. Destas, 265 estaban consideradas contaminantes e continuaban a desaugar no mar. Pola contra, 790 atopábanse dentro dos límites legais e 593 aparecían como arranxadas.

Descontando 22 verteduras contaminantes que a Administración catalogaba daquela como “en investigación”, a ría de Muros-Noia acumula o maior número de capítulos de contaminación, con 63. A seguinte na listaxe era a ría de Arousa, na que se rexistraron 53 verteduras, seguida por Ferrol (28), Ares-Betanzos (18), Pontevedra (17), Vigo (16), Ortigueira (13), Camariñas (11), Baiona (8), Corcubión (4), A Coruña (3), Barqueiro (3), Corme-Laxe (2), Viveiro (2), Foz (1) e Cedeira (1). Isto supuña un incremento do número de episodios (1.648) con respecto aos rexistrados en anos anteriores: 1.596 en 2020, 1.575 en 2019 e 1.532 en 2018.

Máis de 1.100 litros por habitante e día

O estudo do Ministerio para a Transición Ecolóxica cifra en 1.112 litros o volume que por persoa —nunha cidade de 50.000 habitantes— e día se xera no Estado de augas residuais totais. Deses litros, só 214 litros corresponden a augas residuais urbanas, sendo os 898 restantes de augas industriais.