O 30% das persoas cancelou as súas vacacións a causa da inflación

Dous turistas tiran unha foto na praza do Obradoiro . (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Ademais, 60% das familias recorren aos avós e avoas para o cuidado das crianzas.

O 40% das persoas asegura que se viron obrigadas a pospoñer os seus plans de vacacións de verán debido ao encarecemento dos prezos. Unha situación que levou a 57% delas a acurtar a duración das súas vacacións e mesmo a 30% a optar directamente por cancelalas por mor da inflación, segundo a plataforma global de investigación de mercados Appinio, que indica que máis da metade das viaxeiras está a buscar alternativas de aloxamento máis económicas debido á gran suba de prezos das últimas semanas.

Con todo, 24% das persoas enquisadas confía en marcharse de vacacións a primeira quincena de agosto, aínda que non todas pensan que poderán gozar da mesma duración das vacacións debido fundamentalmente a un compoñente económico: 34% pretende viaxar de seis a oito días e 30% de dous a cinco días, mentres que algunha irán de excursión un único día (2%).

A maioría pasará as súas vacacións dentro do Estado español (79%), fronte a aquelas que elixiron un destino fóra de Europa (7%). Por outra parte, seguen triunfando os clásicos destinos de "sol e praia": Andalucía (31%), Comunidade Valenciana (23%), Cataluña (14%), a Galiza (13%) e Canarias (12%).

Ademais, a pesar da infinidade de alternativas que poden existir á hora de escoller un espazo no que aloxarse, o 53% dos españois prefire pasar as súas vacacións nun hotel, fronte ao 6% que decide quedar nunha caravana ou camper.

60% dás familias, obrigadas a recorrer aos avós

O 60 por cento das familias recorreu algunha vez aos avós para o coidado dos seus menores durante as vacacións, segundo unha enquisa da Fundación Alares.

O estudo, no que participaron 372 persoas, reflicte que aínda que na maioría das familias (56%) son os avós e avoas en parella os que se encargan do coidado dos seus netos e netas, e as mulleres seguen tendo máis carga. Así, as avoas en solitario alcanzan o 31% e os avós en solitario tan só o 8%, segundo o devandito estudo.

Nos casos nos que non é posible recorrer aos maiores, as opcións ás que se recorren maioritariamente son: en primeiro lugar, os campamentos (34%); seguido do teletraballo, en segundo lugar (30%). En terceira opción atópase a posibilidade de recorrer a outros familiares (15%) e un 5% confirma a contratación dunha persoa externa.