30% da poboación de Folgoso do Courel, desaloxada

A veciñanza colabora nos labores de extinción dos incendios. (Foto: Nós Diario)
O concello de Folgoso do Courel é o máis afectado de todo o país, con máis de 4.000 hectáreas calcinadas.

A poboación desaloxada polos incendios na zona de Folgoso do Courel alcanzou xa 30%, segundo puideron confirmar fontes locais a Nós Diario.

O dispositivo de evacuación estase a centrar na veciñanza de maior idade, confirman as mesmas fontes a este xornal, e aquela con maior risco de vulnerabilidade ante as lapas.

Neste momento, a poboación que permanece nos concellos afectados é aquela que está a colaborar nos labores de voluntariado para o control e extinción dos lumes.

Folgoso do Courel está a ser o máis afectado nesta vaga de lumes no país, con tres focos activos que suman case 4.000 hectáreas afectadas. Destes tres focos, o máis grande é o que afecta a parroquia de Vilamor. Segundo as últimas estimacións de Medio Rural, este suma xa 2.500 hectáreas calcinadas.

Os outros dous focos, situados nas parroquias de Vilamor e Seceda, afectaron 300 e 1.100 hectáreas de monte forestal respectivamente. Nos labores de extinción das lapas neste concello están a participar, ademais dos medios forestais dispostos polo Goberno galego, integrantes da Unidade Militar de Emerxencia (UME).

Poucos efectivos "sen coordinación"

Veciños do Courel, en conversa con Nós Diario, criticaron os poucos efectivos despregados pola Xunta da Galiza e a falta de "coordinación" dos mesmos, a pesar de que o presidente Alfonso Rueda asegurara que se puxeran todos os recursos a disposición das tarefas de extinción.

Aliás, lamentan que os efectivos da UME non son suficientes para desenvolver estes labores, e que estas tarefas estarían a recaer na propia veciñanza que está a facer voluntariado para evitar que os incendios cheguen ás vivendas.

Por outra parte, Nós Diario tamén puido saber que varios concellos da zona do Barbanza puxéronse en contacto coa zona do Courel para colaborar e desprazar até as zonas máis afectadas os seus equipos de Protección Civil