UN TERZO DOS BENS DE INTERESE, ENTRE A DESPROTECCIóN E O ABANDONO

A oposición pide consenso á Xunta na tramitación da lei de patrimonio cultural

Comeza o trámite parlamentar a Lei do patrimonio cultural de Galiza após a súa aprobación polo goberno. A nova norma quer actualizar a vixente desde 1995.

 

O proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galiza comeza o seu trámite parlamentar logo de ser aprobada polo goberno galego. Desde as bancadas da oposición xa se avogou porque durante este proceso a Xunta aposte en aceptar achegas e teña vontade de consenso. Así o manifestou o deputado socialista Emilio Vázquez, que incidiu en que a nova norma determina a “perda de consideración xurídica dos bens inventariados”, co risco que pode supor esta decisión para a protección do patrimonio.

Sinalou nesta liña que “o patrimonio galego non ten un problema de cambio de Lei, senón que fallou o seu desenvolvemento”, ademais da “falla de vontade política” para a proteción dos bens culturais galegos. Afirmou que na actualidade o 30 por cento dos Bens de Interese Cultural atópanse nun estado de conservación “lamentábel”, e “mesmo algúns deles están desaparecidos”.

“Un paso atrás”

Para Ana Pontón (BNG), a nova lei supón “un paso atrás” na protección do patrimonio e “unha desgaleguización da `propia norma”, que vai “trasladar a normativa estatal á galega”. Para o deputado Xesús Ron (AGE), estamos fronte a unha “fuxida de responsabilidades patrimoniais das Xunta”.

Categorías

Na presentación do ante-proxecto, o pasado mes de xuño, o conselleiro destacou que a norma reduce a dúas as categorías de bens do patrimonio cultural de Galicia: Bens de interese cultural e Bens catalogados, que contarán con cadanseu instrumento de rexistro independente: o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Na proposta, os Bens de Interese Cultural incluirán os BICs por declaración singular e diversos BICs que o son 'ope legis' – é dicir, por imperativo legal-. De xeito análogo, a categoría de Bens catalogados abranguerá a todos os bens que figuren no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia; aqueles que estean contidos individualmente nos catálogos urbanísticos e os catalogados ope legis.

A maiores o anteproxecto de lei crea o Censo de Bens Culturais de Galicia, un instrumento de divulgación que será periodicamente actualizado pola Consellaría, visando converterse nunha ferramenta para a protección do patrimonio.

Lista vermella

Precisamente para coñecer e protexer os bens culturais de Galiza naceu 'Patrimonio Galego', unha ferramenta para poder ter un Catálogo Social do patrimonio cultural galego, "unha especie de Wikipedia do Patrimonio", como resumen con retranca os seus promotores. Como ten recoñecido un deles, Manuel Gago, xornalista e experto en patrimonio, 'son todos os que están mais non están todos os que son'. Patrimonio Galego leva catalogados máis de 7.500 bens culturais ao longo e ancho de toda Galiza. Na súa 'lista vermella' (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco) había 40 a principios de 2015, cifra que vai aumentando coas denuncias e avisos de catalogador@s. De feito, na actualidade son xa medio cento os bens incluídos nesta clasificación.