3 de xuño: marcha en Pontevedra contra as celulosas e polo desmantelamento de Elnosa

Convocada pola Asociación pola defensa da Ría (APDR), sairá ás 19:30 horas das alamedas pontevedresa e de Marín.

O sábado 3 de xuño terá lugar unha nova edición da tradicional marcha contras as celulosas, a mobilización multitudinaria que ano tras ano reúne miles de persoas en Pontevedra para solicitar a fin na Ría dos complexos de Ence e Elnosa. Nesta edición faise fincapé en exixir “o desmantelamento de Elnosa” como “paso previo” que leve ao “peche definitivo”  do complexo de Lourizán.

Desde APDR advirten que o PP “semella estar disposto a saltarse de novo a lexislación e prorrogar tamén o uso do mercurio na electroquímica Elnosa”, unha decisión que, aponta, “se trataría dun novo chanzo na escalada de corrupción ambiental que o PP vén desenvolvendo na nosa Ría”. Así, lembran que a lexislación europea prohibe o uso da chamada tecnoloxía do ‘cátodo de mercurio’ para a fabricación de cloro e sosa máis alá do 11 de decembro de 2017, data pactada ademais co sector, que adquiriu o compromiso de adoptar a tecnoloxía de membrana, libre de mercurio, con antelación a esta data.

“O mercurio é un dos contaminantes máis perigosos para o medio, os recursos naturais e a saúde humana, por iso non se pode permitir que se siga vertendo ilegalmente á Ría e emitido ao ar que respiramos! Temos que esixir que se cumpra a lei e se desmantele a fábrica de Elnosa este ano, non máis alá do 11 de decembro, porque é de xustiza e porque así o esixe a Unión Europea”.