'Trainmovie' de denuncia

5 horas para ir de Lugo a Compostela en tren con parada previa en Ourense

Noa Presas e Olalla Rodil. Estación de Ourense

De Lugo a Ourense por camiños de ferro para acabar en Compostela. 5 horas para un percorrido de apenas 100 quilómetros. Galiza 2018. Esa situación de abandono evidente do ferrocarril galego por parte do Estado é a que denunciaron esta segunda feira as parlamentares do BNG Olalla Rodil e Noa Presas, a meio dunha #trainmovie que se pode ver íntegra en twitter.

3 horas e media para ir de Lugo a Compostela en tren. Primeira mensaxe de @orodil, no ponto de partida da odisea -Lugo- e con cancelos ben elocuentes #LugoTaménExiste #TrenDignoNoInterior. O billete -primeira estación, a que leva de Lugo a Ourense- custa 11.35 euros, informa a parlamentar do BNG. O combio parte ás 11.10 horas. Neste tramo viaxa soa. Agarda por ela, na capital das burgas, Noa Presas. "Mentres viaxamos cóntovos que o seguinte tren saía de Lugo ás 16 horas. É o que Renfe vende como directo a Santiago". Só unha pexa. O prezo, de luxo asiático. 22 euros para 100 quilómetros ferroviarios. Absolutamente desproporcionado se temos en conta, subliña Rodil, que -se o apañas con tempo- o billete Lugo-Madrid sáeche por 33.

 

Como este tren non é directo, e como Renfe ignora a liña recta, o comboio viaxa cara ao sul, cara Os Peares, si, a estación do encontro Évole-Feijóo. Rodil informa que nen rastro deles. "Lembrámosvos que imos a Compostela, aínda que vos pareza que o traxecto non ten moito xeito porque imos en sentido contrario", escrebe na súa conta twitter a parlamentar. E mentres -agardando non por Feijoo, senón por Rodil- áchase Noa Presas, quen nun vídeo denuncia a deterioración da liña "rexional" -non a do tren de alta velocidade- entre Ourense e a capital da Galiza. "Onte mesmo nesta viaxe de ida cara á capital que fan tantos estudantes da nosa cidade e da nosa contorna, [o tren] sofreu unha avaría ás 21 horas e até as 24 horas e pico non foron recollelos en bus. Iso é algo que non é de recibo e que é habitual", alega, ao tempo que lembra que "hai menos dun mes ardeu outro tren á altura de Maside". Para Presas, é evidente que progresivamente o PP desatende "este servizo básico" e deteríorao "para que a xente deixe de empregalo". "Mais nós non nos conformamos. Ourense existe. O interior existe e reclamamos transportes dignos para as nosas veciñas e veciños".

 

 

 

 

Xa en Ourense, reunidas Rodil e Presas, dúas opcións ábrense perante os seus ollos. A primeira, o chamado rexional (9 euros e 1 h 40 m), a saír ás 13.30 horas. A segunda, o AVANT (16,60 euros e 38 minutos), a partir ás 15.30 horas. Decántanse por esta última. Teñen así tempo para xantar. O AVANT ten unha vantaxe indiscutíbel, a gañancia en tempo, mais -alerta Presas- "desde o BNG temos reclamado que é necesaria unha oferta tarifaria mellor. A día de hoxe cobran un prezo abusivo, unha auténtica estafa, case 17 euros, cando no eixo atlántico o prezo é moito menor. Conseguimos un acordo no Parlamento galego e continuamos a reivindicar que se leve a cabo canto antes para que teña un prezo digno e para que tamén åse amplíen os horarios".

 

 

 

Compostela. Estación término da viaxe. O que querían denunciar con esta acción "é o estado inadmisíbel do sistema ferroviario neste país" e reivindicar así "que o interior tamén existe" e que "Lugo e Ourense existimos e que non imos deixar de pelexar para que a veciñanza das nosas localidades e comarcas conten cos servizos públicos que merecen e sobre todo necesitan", recapitula Rodil.