3.000 persoas pecháronse contra a LOMCE nos colexios de todo o País

Peche nun centro de ensino [Imaxe: SG]

Conclúe a cadea de encerros convocada pola Plataforma galega do ensino público. A seguinte acción contra a lei española será unha folga xeral no ensino, convocada para o 9 de maio


"Clasista", "sexista", "confesional", "españolizadora", "reaccionaria", "privatizadora". A LOMCE tenas todas, e ningunha é boa.

Desde o 9 de abril e até o 26 dese mesmo mes, foron por volta de 3.000 as persoas que se repuxeron contra os plans do ministro español de Educación, José Ignacio Wert, que pretende impor unha norma que degrada o ensino público, fomenta a súa xestión por mans privadas, relega as linguas propias dos territorios á mínima expresión e outorga máis peso aínda á relixión católica. 

Por todo isto, a Plataforma galega en defensa do ensino público organizou un calendario de encerros en centros de ensino espallados por todo o País, un conxunto de accións reivindicativas que serviron para preparar a folga xeral no ensino público que está convocada para a quinta feira 9 de maio.

Nais, pais, estudantado, profesorado e o conxunto da comunidade educativa secundou os peches que se realizaron en 15 colexios e institutos de Carballo, A Coruña, Ferrol, A Guarda, Cangas, Lalín, Lugo, Verín, Burela, Ourense, Cambados, Ribeira, Vigo, Gondomar e Pontevedra.
 

As accións convocadas co gallo da folga do 9M realizaranse nestes puntos:

Ourense => Xefatura territorial
Vigo => Praza dos Cabalos
Ferrol => Praza de España/Praza de Armas
Vilagarcía => Praza de Galiza
Pontevedra => Praza da Ferrería
A Coruña => Praza de Vigo
Lugo => Praza da Horta do Seminario
Burela => Praza da Mariña
Compostela => Praza do Toural