29N: ocupar o Obradoiro para dar máis un empurrón cara á fin do réxime

Foto: Esquerda Unida

As Marchas da Dignidade marcan en vermello o 29 de Novembro: Tomar a emblemática praza compostelá con columnas procedentes de diferentes comarcas do país sob o lema ‘Pan, traballo, teito’.

 

Unha representación dos colectivos e entidades que integran a columna galega das Marchas da Dignidade compareceu esta cuarta feira no Obradoiro, a praza que quere tomar o vindeiro 29 de novembro para reclamar ‘Pan, Traballo, Teito’. Un mínimo de seis columnas, procedentes de diferentes comarcas do país, confluirán ese día na capital de Galiza para denunciar “o desemprego, a inxustiza, as lacras que sofre a clase traballadora e os sectores populares”, dixo Manolo Caamaño.

Nunha realidade na que cada vez son máis as persoas excluídas, “nas que precariedade e escravitude” conforman o día a día de milleiros, nos que o dereito a vivenda é para moit@s algo lonxano e afastado, cómpre “tomar as rúas” para reaxir. “Este estado das cousas está vencellado ao modelo social do capitalismo”, indican @s portavoces da columna galega. “Sabemos que non hai marcha atrás no reloxio do capitalismo e, polo tanto, entendemos que si é posíbel un sistema de xustiza social no que todas e todos teñamos cabida”.

Finiquitar o réxime

Nós, a xente do común, temos que seguir a loitar porque non podemos consentir que nos rouben o noso”, manifestaron, denunciando os poderes políticos e económicos que garanten o seu enriquecemento a costa da explotación das maiorías sociais. Por iso, este acto quer ser tamén unha mostra máis do rexeitamento ao réxime saído da Transición española.

Ademais desta mobilización do 29 de novembro, o 6 dese mes (quinta feira) decorrerán por sete cidades galegas manifestacións e marchas para animar a tomar parte na ‘toma’ do Obradoiro.