Máis de 28.000 persoas teñen xa o abono de Renfe, que anuncia un reforzo de 14.000 prazas na Galiza

Moitas persoas quedaron sen praza nos primeiros días pola alta demanda. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O Goberno estatal estima un aforro de entre 700 e 1.900 para as persoas usuarias durante os catro meses que durará a medida. O tren Avant que percorre a liña A Coruña-Ourense é finalmente sufragado a 100%.

Máis de 28.000 galegos e galegas retiraron xa o seu abono para viaxar nos trens de Renfe co plan de descontos do Goberno estatal, que estima uns aforros que oscilan entre os 700 e 1.900 euros durante os catro meses da iniciativa para as persoas usuarias das liñas bonificadas.

O dato foi achegado polo delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, que realizou na mañá desta cuarta feira unha viaxe no tren Avant entre Santiago e Ourense, última liña en sumarse ao programa de bonificacións de 100% após a súa aprobación no Consello de Ministros da terza.

En declaracións aos medios antes de partir desde a estación da capital galega cara á cidade das Burgas, Miñóns indicou que se mantén un ritmo de 2.000 abonos retirados cada día desde o arranque do proceso de venda o pasado 1 de setembro.

O representante do Executivo estatal no país destacou que a medida ten "un impacto elevado" que busca favorecer o aforro das familias, alén de fomentar "a eficiencia enerxética" e combater o cambio fomentando o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado.

Neste sentido, Miñóns asegurou que os usuarios e usuarias da liña entre A Coruña e Ourense poderán aforrar "case 1.900 euros" durante os catro meses que durará o programa de viaxes bonificadas. Os viaxeiros do eixo Atlántico, "como o estudantado, persoas traballadoras e empresarias" que se moven entre A Coruña, Santiago e Vigo, poderían deixar de gastar entre 700 e 1.400 euros, dixo.

"O aforro é importantísimo e está a supor un importante alivio económico para miles de familias", apuntou, ao tempo que destacou o reforzo de 14.000 prazas semanais ante a "alta demanda" xerada pola iniciativa.

Transporte por estrada

De forma paralela, o delegado resaltou as axudas do Goberno español á compra de billetes en autobús, tanto nos urbanos como nos interurbanos, que cobren 30% do custo da viaxe, contía que pode ser complementada polas administracións titulares dos servizos.

Neste punto, Miñóns demandou á Xunta —e, en concreto, ao seu presidente, Alfonso Rueda— que actúe con "lealdade institucional" e ofreza "información veraz" á cidadanía. "O 30% pono o Estado, a Xunta complementa", subliñou.

Por último, o delegado convidou os concellos a aproveitar a ampliación de prazo aprobada esta semana polo Goberno para solicitar adherirse ao programa de cobertura de 30% dos billetes.