28-S: as mulleres galegas volven rexeitar a contrarreforma do aborto ''por xustiza social e saúde pública''

Imaxe da presentación: Libraría Lila

Cadrando co Día internacional pola despenalización da IVE, a Plataforma galega polo dereito ao aborto convoca máis unha mobilización en Compostela que arrincará ás 17.30h do sábado desde a estación de comboios e rematará na Praza Roxa.


"Unha demanda de dereitos humanos, de xustiza social e de saúde pública" que percorrerá as rúas de Compostela este sábado, 28 de setembro, data en que se conmemora o Día internacional pola despenalización do aborto.

A Plataforma galega que loita polo dereito á autodeterminación das mulleres sobre os seus corpos, e que agrupa até 65 organizacións, convocou para as 17.30h máis unha mobilización que arrincará da estación de comboios da capital galega e rematará na Praza Roxa. 

Todos os colectivos están de acordo en que o acceso á IVE --Interrupción voluntaria do embarazo-- debe realizarse "en condicións de seguranza e legalidade". A este respeito recollemos as declaracións do relator especial das Nacións Unidas para a tortura e os tratos inhumanos Juan E. Méndez, quen sinalou que negar o aborto nos hospitais públicos "equivale á tortura".

O panorama na Galiza é desolador neste sentido: na maioría dos hospitais as grávidas que desexan pór fin ao seu embarazo son derivadas á privada, nomeadamente nos complexos da Coruña e de Lugo. En Vigo practicaríanse na pública os abortos por malformación ou enfermidade da nai e Ourense asome o 90% dos casos que chegan.

''Que se respecte a nosa autonomía sexual e reprodutiva''

"As mulleres somos suxeitas de dereitos, con plena capacidade para tomar decisións de acordo aos nosos proxectos de vida", recalca o manifesto da Plataforma, quen rexeita a infantilización que o Goberno español fai para negarlles a elas o dereito a decidiren sobre os seus corpos e exixen "que se respecte a nosa autonomía sexual e reprodutiva".

As feministas galegas quéixanse de que o PP estea a aproveitar "un contexto de crise" para impor "unha ideoloxía conservadora e ultracatólica" que no eido dos dereitos sexuais e reprodutivos ten o seu maior expoñente na nova lei coa cal o titular de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, pretende regular o aborto, devolvendo este dereito a unha situación máis regresiva que a que as grávidas que non desexaban ser nais atopaban en 1985.

A contrarreforma de Gallardón vai ''á marxe das recomendacións da OMS''

Insisten en que a contrarreforma de Gallardón se vai abrindo camiño "á marxe das recomendacións da Organización mundial da saúde", cuxos dados sinalan que restrinxir ou prohibir o aborto "só provoca máis mortandade materna". No concreto, son 70 mil as mulleres que morren ao non poder interromper o seu embarazo en condicións de seguridade, avocadas á clandestinidade. 

"O Goberno actual é anti-vida, porque ao tempo que di protexer a vida pecha prazas en escolas infantís, privatiza os servizos públicos, recorta na dependencia (...) e deixa as agresións e os asasinatos machistas fóra da visibilización política", ao non ser contabilizadas aqueles casos onde a muller non fique hospitalizada máis de 24 horas. O manifesto que esta cuarta feira se fixo público nunha rolda de imprensa na libraría Lila, en Compostela.