28% do profesorado provisional de secundaria e 13% de mestres impartirán materias das que non son especialistas

CIG denuncia que se mantén  “un alto índice de provisionalidade” no ensino público “sen mellorar as condicións de traballo docente”.

A precariedade do profesorado galego mantense un curso máis, denuncia a CIG, que pon o exemplo da adxudicación definitiva do corpo de mestres e na provisional dos corpos de secundaria para os destinos do curso que vén. Dos estudos realizados pola CIG-Ensino destas adxudicacións conclúe o sindicato que mantén o profesorado que imparte materias afíns e que aumentan lixeiramente as itinerancias en secundaria ao tempo que se reducen en primaria.

 

As cifras totais de profesorado con destino provisional aumenta nos corpos de secundaria, onde pasa a 4.473 para o vindeiro curso. Cabe salientar que se manteñan cifras elevadas de profesorado en expectativa, 1.785 docentes que nunca tiveron destino definitivo ou que o perderon.

 

A Consellaría ten neste momento un total de 6.875 docentes con destino provisional tendo en conta todos os corpos docentes, o que eleva a taxa de provisionalidade a 21% do total do profesorado galego.

 

O persoal interino do corpo de mestres chega a 39% do total con destino provisional con 935 docentes, mentres en secundaria son 2.262 (51%), unha cifra que deixa o total do colectivo de profesorado interino en 3.197.