46% dos investigados localízanse nas comarcas ourensás

28 detidos na Galiza durante 2021 en relación cos incendios forestais

Incendio en Laraño en Santiago de Compostela en xullo de 2020. (Foto: @Batallont15).

A Delegación do Goberno do Estado na Galiza deu conta dos operativos levados adiante durante 2021 polas forzas da orde e que remataron coa detención de 28 persoas presuntamente relacionadas coas tramas incendiarias.

As forzas da orde detiveron e investigaron ao longo de 2021 a 28 persoas presuntamente vinculadas con diversos incendios acontecidos na Galiza.

Segundo a Delegación do Goberno, “o período con maior actividade foi de maio a setembro, onde se rexistraron 19 detencións, aglutinando case o 70 % das actuacións de todo o ano”. Ao tempo, as autoridades gobernativas sinalan que nas actuacións destaca o mes de maio  “con sete persoas detidas ou investigadas”, rexistrando “marzo, abril, xuño, xullo, agosto tres detencións mensuais”.

A maioría das persoas detidas ou investigadas correspóndense coas comarcas ourensás. Neste sentido, desde a Delegación Goberno significan que “Ourense acumulou 13 persoas detidas ou investigadas, o que supón o 46% do total da Galiza” e “séguenlle, por orde, Lugo con sete, A Coruña con cinco, e Pontevedra con tres”.

O delegado do Goberno do Estado na Galiza, José Miñóns, agradeceu “o intenso traballo e entrega dos axentes deste corpo na loita contra o lume e na investigación das súas causas”.

A delegación do Goberno do Estado na Galiza comprometeu “a máxima colaboración na prevención e loita contra os incendios forestais alí onde sexa necesario na Galiza co obxectivo de minimizar a afección dos lumes e, sobre todo, garantir a seguridade da poboación”