"O noso corpo non pode ser a baza ideolóxica de ningún goberno"

Cartaz do roteiro reivindicativo dos feminismos da Coruña polo dereito ao aborto libre
Esta sexta celébrase o Día de acción global por un aborto legal, seguro e gratuíto, en que feministas de todo o mundo exiximos que o noso dereito a decidir a nosa maternidade deixe de facer parte dos códigos penais. Concentracións, actos políticos, manifestos, mobilizacións e roteiros reivindicativos inzarán o país dunha punta á outra

"O noso corpo non pode ser área para o debate político nin o noso útero a baza ideolóxica de ningún partido ou goberno". Esta sexta feira celébrase o Día de acción global por un aborto legal, seguro e gratuíto, en que feministas de todo o mundo reclamamos que a soberanía das mulleres sobre os nosos corpos deixe de facer parte dun artigo do Código penal. Na Galiza, o movemento feminista tamén se ergue contra a reforma da lei do aborto que, de saír adiante, suporá un retroceso até unha situación anterior a 1985.

Así as cousas, os feminismos da Coruña organizaron un roteiro reivindicativo que partirá da praza de María Pita ás sete do serán para avanzar até o Obelisco "facendo moito ruído e moita festa" e unirse alí á concentración polo dereito a decidirmos. Para alén da Coruña, colocamos aquí embaixo os lugares onde haberá accións nesta sexta, todas ás 20h:

  • Compostela => praza do Toural
  • Val Miñor => ponte da Ramallosa
  • Vigo => desde a praza da Farola de Urzaiz ao Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
  • Lugo => diante do Concello
  • Ourense => a carón da catedral
  • Pontevedra => praza da Peregrina

Pola súa banda, a secretaría das Mulleres do sindicato CIG vén de facer público un comunicado en que arremeten contra a intención do PP de reformar a lei 2/2010, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, ao considerar que "supón un claro retroceso" no recoñecemento dos dereitos das mulleres e "un recorte sen precedentes" na nosa autodeterminación e na posibilidade de decidirmos por nós propias sobre a nosa maternidade.

Lembran que o titular de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, nas súas pretensións de mudar a norma "deixa no desamparo" as mulleres que fan parte dos colectivos máis vulnerábeis, como as inmigrantes, e avoca á clandestinidade a aqueloutras que dispoñen de menos recursos para afrontar na sanidade privada a interrupción voluntaria do embarazo. Gallardón lévalle a contraria até ao Comité sobre dereitos sociais das Nacións unidas, que instou o Goberno español a garantir "un aborto libre e gratuíto".

Mais non só o PP de Madrid lexislou en contra da autonomía das mulleres. Desde a Xunta de Galiza na lexislatura que vén de se pechar aprobáronse dúas normas: a lei 5/2010 que regula unha rede de apoio ás embarazadas, e a lei 3/2011, "de apoio á familia e á convivencia", ambas redactadas ao ditado da Red madre e do Foro español de la familia a través dunha ILP presentada no Parlamento galego. O aborto libre e gratuito é unha das propostas políticas do BNG de cara ás eleccións do 21 de outubro. Na defensa deste dereito a formación frontista ten convocado un acto nesta sexta: será ás 11 da mañá en Compostela, na praza do Obradoiro.