Con 2,3 psiquiatras por cada 100.000 habitantes, a Galiza ten a ratio máis baixa do Estado

27.800 persoas non puideron pagar a atención psiquiátrica ou psicolóxica

O Movemento Galego pola Saúde Mental na manifestación en defensa da sanidade pública de febreiro en Compostela (Imaxe: MGSM)

As doenzas mentais véñense multiplicando desde o comezo da pandemia. Ao incremento das patoloxías, súmase a falla de medios do sistema público de saúde para dar resposta á situación. Unha asistencia mental digna virou nun servizo de luxo para miles de galegas e galegos.

 

As doenzas mentais téñense disparado desde o comezo da pandemia. A este respecto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalaba xa nun informe publicado en outubro de 2020 que a Covid-19 estaba a provocar "un incremento da demanda de servizos de saúde mental". "O dó, o illamento, a perda de ingresos e o medo están a xerar ou agravar trastornos de saúde mental. Moitas persoas aumentaron o seu consumo de alcol ou drogas e sofren crecentes problemas de insomnio e ansiedade. Ademais, a propia Covid-19 pode traer consigo complicacións neurolóxicas e mentais, como estados delirantes, axitación ou accidentes cerebrovasculares", advertía.

O illamento social, o temor ao contaxio, a incerteza, a angustia financeira ou o medo están a minar a saúde mental de moitas persoas. A este respecto, os diversos estudos publicados alertan dun importante incremento dos casos de ansiedade, depresión e tensión postraumático. Neste sentido, nunha investigación de referencia dirixida pola profesora da Universidade de Otawa Jude Mary Cénat e publicada na revista especializada Psychiatry Research, afírmase que "a prevalencia do insomnio foi de 24%, a do trastorno por tensión postraumática acadou  22%, a da depresión situouse en 16% e a da ansiedade chegou a 15%". Na mesma liña, destaca que o trastorno por tensión postraumática, a ansiedade e a depresión foron, respectivamente, cinco, catro e tres veces máis frecuentes en comparación co que habitualmente reporta a OMS".

O impacto das crises na saúde mental

As derivadas económicas da pandemia teñen un impacto moi importante nesta situación. Neste sentido, o psiquiatra xubilado e subdirector xeral de Saúde Mental da Xunta da Galiza entre 2005 e 2009, Víctor Pedreira, sinala a Nós Diario que "a crise económica derivada da pandemia vai agravar a situación". Explica que "todas as crises económicas teñen un impacto moi negativo en materia de saúde mental ao aumentar o desemprego e a precariedade". Nese sentido, resalta que "o traballa precario tamén mata porque xera unha inseguridade continua, a angustia a perder o presente e perdelo todo no futuro. Aumenta a angustia, pérdese a sociabilidade e provoca outros problemas máis ocultos que non están ligados á falla de recursos económicos". O desemprego, continúa, "aumenta as doenzas físicas, por exemplo está demostrado que xera un incremento das infeccións, provoca trastornos metabólicos, tanto a desnutrición como a obesidade, e golpea a saúde mental, con cadros de ansiedade, depresión, trastornos psicosomáticos ou desafección sexual".

A Enquisa Europea de Saúde 2020, o estudo de referencia nesta materia elaborado pola Comisión Europea cada seis anos, debuxa un panorama preocupante sobre a evolución das doenzas mentais na Galiza. Así, 76.400 persoas presentan un cadro depresivo maior e 52.900 outros cadros depresivos, declarando unha "sintomatoloxía depresiva grave" 24.700 doentes, "moderadamente grave" 31.200, "moderada" 63.100 e "leve" 199.600.

Saúde mental e exclusión

As dificultades económicas están privando un número cada día maior de galegos e galegas do acceso aos servizos de atención da saúde mental. Segundo recollen os datos da Enquisa Europea de Saúde 2020, nesa anualidade 27.800 persoas non puideron pagar os servizos dun psiquiatra ou psicólogo. O problema afecta de modo máis grave as mulleres, que suman 19.900 casos e 71,5% do total, fronte a 7.900 homes e unha porcentaxe de 28,5%. Precisamente, neste tipo de doenzas é onde se concentra o número máis elevado de tratamentos farmacéuticos que non son adquiridos polos pacientes por falla de medios económicos.

As persoas con problemas de saúde mental teñen os índices máis baixos de emprego en toda Europa. Os índices de desemprego de persoas cunha enfermidade mental leve, como pode ser unha lixeira depresión, é dúas veces maior que o das persoas que non sofren ningunha enfermidade ou discapacidade.

A pobreza e as desvantaxes económicas están frecuentemente asociadas a problemas de saúde mental. En moitos casos, son fonte de estrés, que á súa vez representan factores que contribúen ao desenvolvemento dunha enfermidade mental grave. O benestar e a saúde mental están tamén moi relacionados coa contorna física. Habitar vivendas inseguras e precarias, con problemas de sobrepoboación e ruído, pode constituír unha fonte de estrés e mesmo de enfermidade física e mental

Á cola do Estado en psiquiatras

"A pandemia colleu os servizos sanitarios de saúde mental nunha situación xa moi delicada", sinala Victor Pedreira, que destaca que "a Galiza ten as ratios máis baixas de profesionais de saúde mental do Estado, con 2,3 psiquiatras por cada 100.000 habitantes e 0,8 enfermeiros".