As 27 especies 'indíxenas' que só poderás atopar en Galiza

Saramaganta. Imaxe. Ríos galegos

Son aves, anfibios, moluscos, plantas e réptiles catalogados por Medio Ambiente e que teñen aquén do Padornelo o seu paraíso particular. Dificilmente poderás velas noutras partes do planeta que non sexan Galiza e zonas limítrofes.

Endemismo é a palabra que se emprega en zooloxía, bioloxía e botánica para se referir a grupos taxonómicos que se desenvolven nun territorio determinado. Vén do grego 'endemos', indíxena, e serve para incluír a aquel 'taxón' que se atopa nun ámbito xeográfico reducido e non se atopa de forma natural en ninguna outra parte do planeta. En Galiza temos un total de 27 especies 'indíxenas', segundo a información sobre biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente. Especies que dificilmente se poden atopar máis aló do noso país e das zonas limítrofes: 19 plantas, 3 anfibios, 2 moluscos, 2 réptiles e 1 ave. As xoias do noso patrimonio natural.

O maior número de endemismos que temos en Galiza é no grupo das 'plantas superiores'. Hai un total de 19, como por exemplo a 'Herba becerra' (Antirrhinum majus subsp. Linkianum). As poboacións galegas localízanse no norte da provincia da Coruña, desde Ferrol ata Cedeira, e están incluídas no LIC Costa Ártabra. Está en perigo de extinción. Tamén podemos falar aquí da 'Linaria polygalifolia subsp. Aguillonensis', coñecida popularmente como 'paxariños amarelos', unha planta perenne, de talos de ata 40 cm, ramificados na metade superior. Hai poboacións distribuidas desde o cabo Vilán ata Estaca de Bares

A nosa xoia

Tres son os anfibios 'endémicos' de Galiza: a rá vermella, o sapiño pinto e a saramaganta. Esta última, que ten por nome científico Chioglossa lusitanica, é unha xoia de “todo o patrimonio natural galego”, como di a propia Consellería. “Especie rara e singular, é xenuína representante da natureza ancestral galega: bosques densos e húmidos con regatos cheos de liques”. O catálogo explica que mide uns 150 mm de lonxitude, dos que máis de dúas terzas partes corresponden á cola. Corpo alongado e estreito, con patas moi pequenas. Cabeza pequena e deprimida, con fociño redondeado e ollos grandes, escuros e saltóns. Pel moi lisa e de cor castaña-bronceada, escura, onde destacan no dorso dúas liñas douradas lonxitudinais que se xuntan nunha soa na cola. Vive en zonas de monte e de relevo accidentado, con regatos e densa vexetación que proporcione un microclima saturado de humidade.

Na categoría de moluscos temos dúas especies 'indíxenas', unha delas o 'caracol de Quimper' (Elona quimperiana). Habita en bosques caducifolios mixtos, con elevada humidade ambiental, abundancia de follas e brións; entre ortigas e fieitos, zonas próximas a cursos de auga con abundante vexetación herbácea. Dúas tamén son as especies que a Xunta considera 'endemismos' no grupo de réptiles: a 'lagartixa leoonesa' e o 'esgonzo ibérico'. Nas aves, temos unha, a 'escribenta das canaveiras, (Emberiza schoeniclus subsp. Lusitanica). Ten o tamaño dun pardal. En plumaxe nupcial, o macho caracterízase por ter a cabeza, a garganta e o papo de cor negra cun bigote branco que se prolonga polo peito e o ventre

Pero cantos somos?

Segundo a información fornecida pola Estratexia Galega para a Conservación e o Uso Sostible da Biodiversidade, en Galiza podemos atopar arredor de 563 especies de vertebrados: 12 e 296 especies de peixes de augas continentais e mariños respectivamente, 14 especies de anfibios e 29 de réptiles, 152 especies de aves e 59 mamíferos.

Entre os invertebrados, destacan as máis de 850 especies de moluscos (terrestres, mariños e dulceacuícolas), unha das maiores riquezas das rexistradas na Península Ibérica, 72 especies de crustáceos, 577 especies de anélidos (especialmente de poliquetos), entre 8.500 e 10.000 especies de insectos e 137 especies de equinodermos.

A isto hai que engadir que temos máis de 8.00 especies de liques e con arredor de 3000 taxons vexetais, aproximadamente o 28% do total peninsular.