Os 27 buscan normas para previr verteduras de pellets como a que aconteceu na Galiza hai un ano
A intención é que o regulamento se aplique a todos os buques internacionais que descarguen en portos comunitarios para estender a aplicación destas obrigacións.
Os ministros de Medio Ambiente da UE buscarán esta terza feira un acordo sobre as novas regras para previr verteduras de pellets de plástico como o que afectou as costas galegas o pasado mes de xaneiro, do que España valeuse para forzar a inclusión do sector marítimo no alcance da normativa, algo que non estaba previsto na proposta inicial da Comisión Europea.
Este acordo servirá aos 27 como mandato para as negociacións co Parlamento Europeo sobre a forma final da lei, unhas conversas que comezarán xa baixo a presidencia polaca do Consello, no primeiro semestre de 2025.
A Comisión presentou en outubro de 2023 a súa proposta de regulamento para reducir a contaminación por microplásticos, que ten nos pellets unha das súas principais fontes, coa intención de recortar as súas perdas até nun 74% a través de obrigacións de rastrexabilidade ou etiquetaxe.
O plan de Bruxelas estabelece que todos os operadores económicos, tanto da UE como de terceiros países, terán que cumprir os requisitos estabelecidos no texto lexislativo nun prazo de 18 meses a partir da súa entrada en vigor, aínda que se prevé que se aplique cunha lixeira demora no caso do sector marítimo, segundo apuntaron fontes diplomáticas.
Os ministros acusaron xa nun debate en marzo que a proposta do Executivo comunitario non cubría as perdas derivadas do transporte marítimo, que a pesar de ser "ocasionais", xeran impactos negativos "significativos" nos ecosistemas locais e as comunidades afectadas, e sinalaron como exemplo as verteduras nas costas dos estados español e francés.
De feito, a propia Comisión Europea advertiu de que a vertedura de 25 toneladas de pellets de plástico fronte ás costas galegas do pasado xaneiro supuña unha "ameaza para o medio mariño e para actividades económicas como a pesca".
Para previr novos incidentes, os 27 recorreron ás recomendacións da Organización Marítima Internacional (OMI) para reducir os riscos ambientais asociados ao transporte de pellets de plástico mediante medidas en tres ámbitos: información sobre o transporte, envasado de calidade e sistemas de carga segura.
Con todo, non se espera que os debates da OMI desemboquen en medidas obrigatorias a curto prazo, polo que a norma da UE para previr as perdas deste material sería "pioneira" se chega a bo porto, segundo destacaron fontes diplomáticas.
Ademais, a intención é que o regulamento se aplique a todos os buques internacionais que descarguen en portos comunitarios para estender a aplicación destas obrigacións, mentres que se prevén diferentes sancións administrativas por incumprimento para os distintos operadores da cadea: produtores, transportistas e estibadores.