Xustiza

27 anos de cárcere para o home que asasinou dun disparo unha muller en Oza-Cesuras

Pistola achada perto do lugar do crime. (Foto: Europa Press)
Cando a muller saíu da casa e viu o asaltante dentro da leira, engade, fuxiu cara ao interior, fechando a porta, pero o acusado perseguiuna e entrou na casa rompendo a cristaleira da porta.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, vén de condenar a 27 anos de cárcere o home acusado de matar dun disparo na cabeza unha muller na súa vivenda en Oza-Cesuras (As Mariñas) o 15 de xaneiro de 2021. Considérao autor dun delito de violación de morada en concurso medial cun delito de asasinato alevoso, concorrendo a circunstancia agravante de disfrace, así como doutro delito de tenza ilícita de armas.

Na sentenza, a maxistrada presidenta relata que o condenado acudiu á vivenda, na que residían a vítima, o seu marido e o seu fillo de dous anos, armado cunha pistola. Cando a muller saíu da casa e viu o asaltante dentro da leira, engade, fuxiu cara ao interior, fechando a porta, pero o acusado perseguiuna e entrou na casa rompendo a cristaleira da porta.

A vítima, segundo a resolución, correu cara á planta superior da casa e, coa intención de fuxir, entrou no baño, desde onde, a través da xanela, accedeu ao tellado do garaxe e saltou ao camiño para escapar. Porén, foi alcanzada polo procesado no exterior da porta do garaxe, onde lle disparou coa arma de fogo que portaba na parte traseira da cabeza.

A muller faleceu no acto e, tras o disparo, explican os xuíces, o condenado fuxiu do lugar cara a unha zona próxima á vivenda, onde foi atopado posteriormente por axentes da Garda Civil.

O Tribunal do Xurado considerou por unanimidade o procesado culpábel de matar a vítima, "facéndoo nunhas condicións que aseguraban a morte da muller, sen perigo algún para a integridade física do acusado que puidese provir dunha reacción defensiva por parte da falecida". Ademais, subliña que, se ben é certo que "non existe proba directa desa autoría, pois ninguén viu o procesado matar a vítima", si existe proba indiciaria.

Por outra parte, explica que o delito de violación de morada está en relación de concurso medial co delito de asasinato consumado, xa que a entrada e permanencia no domicilio da vítima era medio necesario para poder cometer o asasinato. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.