26 persoas faleceron no que vai de ano nas estradas galegas, 60% máis que no mesmo período de 2023

(Foto: Arxina)

A Galiza rexistrará máis de 1,5 millóns de desprazamentos esta semana Santa, cun operativo especial da DXT.

A Galiza foi na anterior campaña de Semana Santa o territorio no que máis aumentou a sinistralidade, con cinco falecidos.

A Galiza rexistrará máis de 1,5 millóns de desprazamentos esta Semana Santa, cun operativo especial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que se desenvolverá en dúas fases, a primeira desde esta sexta feira e até o 24 de marzo e a segunda, cando se prevé máis circulación, do 27 de marzo ao 1 de abril.

Así o informou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na presentación destes actos na sede da Xefatura de Tráfico. Nela, apelou á prudencia para previr sinistros nas estradas galegas.

Tamén pediu "responsabilidade" non só na condución senón tamén camiñando, en bicicleta ou en motocicleta. "Galiza é unha zona preferente nos desprazamentos dentro de España", remarcou.

"Nestas datas é máis esencial que teñamos en conta os consellos e respectemos toda e cada unha das normas para chegar sas e salvas e gozar dun período vacacional tranquilo", insistiu tras lembrar que no que vai de ano perderon a vida nas estradas galegas 26 persoas, dez máis que no mesmo período que 2023.

"Son datos para reflexionar, detrás desas cifras hai historias de dor de moitas familias", recalcou tamén e despois de que Galiza fose na anterior campaña de Semana Santa o territorio no que máis aumentou a sinistralidade, con cinco falecidos.

De acordo cos datos achegados, dos desprazamentos previstos, 484.000 serán na provincia da Coruña; 523.000 en Pontevedra; 253.000 en Lugo e 326.000 na de Ourense.

Por todo iso, implantaranse medidas de ordenación e regulación do tráfico como a instalación de carrís reversibles que faciliten a circulación de entrada ou de saída dos núcleos urbanos en función das necesidades, a paralización de obras ou as restricións a determinados vehículos de mercadorías, en tramos e horas concretas.