25N: Galiza érguelle a man á violencia contra as mulleres

Co gallo do Día internacional da non-violencia contra as mulleres, recollemos os manifestos e os actos que os colectivos sociais do País fixeron públicos para esta data en que se conmemora o asasinato das irmás Mirabal na República Dominicana


"Desde sempre me fascinaron os contos de fadas, sobre todo nas súas versións máis primitivas e menos edulcoradas. Mais desde sempre me enfureceron os seus contidos misóxinos, reaccionarios e pouco liberadores. Cando llos contaba á mila filla tiña que cambiar o sentido das historias [...] Desa mesma vontade de cambio naceron estas novas narracións que recrean con absoluta liberdade os contos clásicos".

O parágrafo foi tomado do Limiar do libro de Carmen Blanco Vermella con Lobos. A "vontade de cambio" da cal fala a autora é a mesma que leva a centos de colectivos, máis ou menos numerosos, a convocaren accións reivindicativas este domingo, 25 de novembro, Día internacional de loita contra a violencia machista.

Máis unha xornada de resistencia en que se conmemora o asasinato da República Dominicana das irmás Patria, Minerva e Teresa Mirabal, as Bolboretas, coñecidas así polo nome que empregaba Minerva nas accións políticas. Moéronas a paus ás tres e despois aforcáronas por se oporen con firmeza á ditadura de Trujillo. Corría o ano 1960.

Máis de 50 anos despois o terrorismo machista segue a ser un problema político que non se identifica e, por tanto, non se combate como tal. Os colectivos feministas alertan da tentativa de devolver os malos tratos contra as mulleres ao eido do privado ao tempo que tamén elas son devoltas ao fogar, ao traballo dos coidados. Fronte a esta pretensión, e fronte a unhas políticas de recortes que avanzan nesa liña e que se ceban coa prevención da violencia machista, nestes días saíron do prelo ducias de actos e outros tantos manifestos que lle erguen a man e a voz ao patriarcado. Eis aquí algúns deles:

  • Marcha Mundial das Mulleres

No marco da campaña 'A débeda dos gobernos é con nós, non cos bancos', o colectivo feminista convoca accións simultáneas en todo o País con carácter local para evidenciar as nefastas consecuencias que os recortes teñen nas tentativas de frear os malos tratos contra as mulleres. Como exemplos, o desmantelamento de todos os resortes para paliar esa violencia física e para por fin á dependencia económica.

  • Asociación Ve-la luz

Após a negativa do Concello da Coruña de lles facilitar un equipo de son para o acto que tiñan convocado, argumentando que "o venres día 23 vai realizarse un acto institucional en que se lerá un manifesto e entendemos que así xa facilitamos apoio a esta iniciativa", o colectivo organiza coa colaboración doutras entidades unha concentración en contra da violencia machista na Coruña --Xardíns de Méndez Núñez-- e programa actividades culturais de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

  • Observatorio da Mariña pola igualdade

Recordan que 'feminismo' non é o contrario de 'machismo' e acompañan o seu manifesto coa definición que a Real Academia Galega dá a esta "ideoloxía" baseada na desigualdade que existe entre elas e eles e que "defende a supremacía do macho" sen aceptar a igualdade. Na última década e segundo os datos oficiais facilitados polo Goberno español foron máis de 600 os asasinatos machistas. Na Galiza no que vai de ano esa mesma violencia matou a Julia, a Juventina, a Iria e a Marisol. Porén, tal e como sinala o colectivo da Mariña, "isto é só a punta do iceberg, o visíbel dunha lacra social". No invisíbel estarían outras formas de malos tratos "máis sutís" como os berros, o acoso sexual no traballo, o non recoñecemento do traballo dos coidados, a reclusión no eido doméstico ou a violencia simbólica dos medios de comunicación ao proxectaren imaxes dunha muller-obxecto.

  • Fiadeiras 

O grupo de traballo en igualdade do Colexio de Educador@s sociais subliña no seu manifesto como no traballo diario @s profesionais van constatando que as desigualdades sociais "están a se agudizar" co peche de centros, a eliminación de programas e a diminución de subvencións que, en moitos casos, desapareceron. Falan de "desprotección" como consecuencia dos recortes nas políticas de benestar, provocando un incremento na violencia contra as mulleres "sexa do tipo que sexa" ao favorecer unha sociedade "máis patriarcal, máis machista e moito máis desigual". Reclaman que se apliquen as leis aprobadas no Estado español para frear o terrorismo machista en todas as súas modalidades, desde a verbal até a física, e que se aposte por "unha educación en igualdade".

  • CIG. Secretaría da Muller

'Os verdadeiros monstros atópanse fóra dos contos' foi a mensaxe escollida para evidenciar que "os monstros agóchanse na vida real, baixo a faciana do patrón explotador, do xefe acosador, dos que nos castigan por sermos nais traballadoras, dos que pretenden illar ás mulleres, decidir por nós no control dos nosos corpos". A central nacionalista arrincou os actos reivindicativos co gallo do 25N xa na sexta feira, convocando unha concentración en solidariedade con Nélida Pisco, a traballadora de Autobuses de Calo que leva anos reclamando os seus dereitos como nai traballadora e que a día de hoxe fica obrigada a pasar tres horas fechada nun autobús, limpando o seu interior cunha vasoira. Conta cunha acta da Inspección de Traballo que recoñece todo tipo de discriminacións, de situacións de violencia psicolóxica extrema, de comportamentos hostís, de acoso e mesmo de agresións físicas, sen que nin por parte da dirección da empresa, nin da Dirección Xeral de Transportes e Mobilidade da Xunta de Galiza, responsábeis da concesión de licenzas públicas das que desfruta a empresa, teñan avanzado paso algún para pór fin a esta situación.

  • CUT. Secretaría das Mulleres

Baixo o lema 'Patriarcado e capital, alianza criminal', as mulleres desta central sindical denuncian "a escalada de violencia sistémica que estamos a vivir" e subliñan que o empobrecemento e a exclusión social son "parte da ofensiva patriarcal". Insisten, ao igual que os colectivos sociais, que os asasinatos machistas son máis dos que se contan nas estatísticas oficiais, onde só se recollen aqueles perpetrados por un home que mantén unha relación sentimental coa muller agredida, e non todos. Así, denuncian que Amaia Egaña --a muller obrigada ao suicidio cando ían desafiuzala-- "non computará entre as asasinadas este 2012 mais o seu, como todos os suicidios inducidos polo terrorismo financeiro é máis unha expresión da violencia machista". Posiciónanse tamén enerxicamente en contra das mudanzas emprendidas polo PP "co fin de facer retroceder os dereitos conquistados" e culpan dos malos tratos contra as mulleres á propia formación "fascista" que goberna na Galiza e no Estado, á banca e ao "lobby ultracatólico".

  • CCOO-Galicia. Secretaría da Muller

Rexeita esta central sindical que a crise "sirva como pretexto" para reducir o orzamento destinado a protexer "as vítimas da violencia de xénero". Un estudo realizado polo sindicato denuncia que os orzamentos estatais para 2013 prevén un recorte de máis de 6,4 millóns para políticas de apoio, e sinala unha relación directa "coas situacións de precariedade económica e social que están a sufrir" as galegas e que conducen cara ao "soterramento" e ao "silencio" dos malos tratos que recoñecen sufrir pola volta do 11% das mulleres do País.

  • UGT-Galicia

O sindicato conta as asasinadas a nivel estatal e manifesfa a súa "repulsa por cada unha das 38 mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas no que vai de ano". Reclaman "un maior compromiso" para eliminar "esta eiva social que ten as súas raíces na desigualdade das relacións de poder entre mulleres e homes". Citan un informe de vítimas mortais do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do CGPJ, "o 72,5% das mulleres mortas en 2011 mantiñan o vínculo afectivo co seu agresor e un 74% non denunciara".

  • Asociación de mulleres Floralba e Galiza Nova

Xogos de roles, actuacións musicais, proxeccións audiovisuais e a intervención da psicóloga Ana Izquierdo, o mozo Miguel Rodríguez e a avogada Isabel Blanco son os actos que fan parte da programación que este colectivo social de Ponteareas convocou co apoio das mocidades do BNG para celebrar o 25N. Porén, celebrarán na véspera: este sábado a partir das seis do serán. Para alén deste acto, Galiza Nova insta nun comunicado a recordar que a violencia machista non é só aquela que se manifesta a través da súa expresión "máis brutal", o asasinato, senón tamén aqueloutra de carácter institucional "que está a exercer o PP" ao lles "usurpar" ás mulleres o dereito a decidiren sobre os seus corpos. Recordan as palabras de Castelao Bragaña na liña de que "as mulleres están feitas para ser violadas" como exemplo da "visión cousificadora" que na formación da dereita existe delas, así como as trabas que suporán o incremento das taxas xudiciais á hora de denunciar unha situación de malos tratos. 

  • Isca

Fala a organización xuvenil nacionalista das apariencias que cada ano saen do prelo coa chegada do 25N. "As empresas colocan cartaces nas súas portas, coa cara amoratada de mulleres agredidas, malia que o día anterior despediran unha traballadora por ficar embarazada ou as súas empregadas reciban salarios inferiores aos dos compañeiros varóns". Máis unha vez, unha denuncia da identificación que se fai do terrorismo machista cos golpes e a violencia física, esquecendo aqueloutra de carácter institucional, económica ou verbal. Arremeten contra o machismo na Universidade onde "entregan dípticos ao alumnado malia que nas mesmas aulas se soterre a pegada histórica das mulleres na ciencia, no dereito, na literatura, nas artes". E denuncian o cánon de beleza subliñando como "nas tendas de roupa tamén hai cartelería que chama ás agredidas a se rebelaren, mais detrás do cartaz hai un maniquí escuálido e sen rostro que simboliza a muller que debemos ser".

  • Comités. Comisión nacional de mulleres

"Existen moitos tipos de violencia exercida sobre as mulleres, mais é evidente que a que ten peores consecuencia é a física", sinala a organización estudantil, quen subliña que a solución "non está nos gobernos" senón en concienciar a sociedade. Por isto, chaman a "non silenciar a voz contra o machismo" e a "erguerse" contra a ideoloxía "reaccionaria e machista" do PP que atenta contra a liberdade das mulleres ao devolvelas "aos roles tradicionais xa superados". Como exemplo, a Lei de familia de Galiza. Os actos iniciaron desta volta xa na quinta feira, cun recital aberto no pub Modus Vivendi, en Compostela

  • Liga estudantil galega. Asembleia das mulleres

Como "organización antipatriarcal", rexeitan "un sistema que oprime á metade da súa poboación" e, após lembrar as catro galegas asasinadas que contabilizan as estatísticas, chaman a amosarlle á sociedade que "xa é tempo de desmontar" o patriarcado para porlle fin ao terrorismo de xénero.

  • Sindicato Labrego Galego

A secretaría das mulleres da central agrogandeira chama a unha "profunda reflexión perante esta barbarie" e exixe que a crise capitalista non sexa usada como escusa para recortar na prevención e na loita contra este problema político. Os recortes, recordan, afectan "na súa maioría" ás mulleres e impoñen "valores baseados na volta ao fogar". Citan como exemplos o peche de escolas rurais de centros sanitarios tamén no rural, precarizando a vida no interior do País, nomeadamente das mulleres labregas. Entenden que a respecto do terrorismo de xénero existe "unha urxencia inadiábel" para reforzar os recursos e estratexias para combatelo.

  • 'Territorios libres de violencia machista'

É o lema da campaña iniciada en Compostela pola libraría feminista Lila de Lilith, o restaurante Rúa e a taberna As Dúas, tres establecementos que xa locen o autocolante que os identifica como tales e que puxeron os seus espazos á disposición de canta organización ou colectivo social queira realizar algún evento que, co gallo do 25N, reivindique a resistencia das mulleres. Así, a libraría e As Dúas estreáronse xa ao penduraren nas paredes os cadros da exposición 'Máis que publicanas', de Marta Paz. E o restaurante Rúa acolleu na sexta feira a 'mullerenaxe' á poeta e activista Luz Fandiño, cadrando co seu aniversario.

NOTA: se fas parte dunha organización ou sabes dalgún acto para o 25N fáinolo saber!