25N: 102 concellos e tres deputacións tinxen Galiza de negro contra a violencia machista

Imaxe:Concello de Compostela

Compostela acolleu a sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña 'En negro contra as violencias'.

5 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas. Unha data de movilización, iniciativas e actos contra todas as violencias que sufren as mulleres. A convocatoria desta data foi impulsada polo movemento feminista de Latinoamérica en 1981 en conmemoración da data na que foron asesinadas as tres irmás Mirabal na República Dominicana. En 1999 a xornada de reivindicación foi asumida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

 

Compostela acolleu na mañá desta segunda feira a sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña En negro contra as violencias, que este ano chega a 102 concellos e a tres deputacións provinciais. No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son "fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas

 

Este 25N, 102 concellos e tres deputacións tinguiranse de negro para denunciar e rexeitar as violencias machistas da man da iniciativa ‘En negro contra as violencias’. Esta iniciativa naceu en 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela en negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.