257.000 persoas están en listas de agarda hospitalarias na Galiza: Aumenta a espera para unha operación ou ver un especialista

Operación cirúrxica (Foto: Xunta da Galiza).
257.308 persoas figuraban en lista de agarda estrutural hospitalaria na Galiza -a lista oficial, que non contempla as esperas "non estruturais", por exemplo, as persoas pendentes de cita ou asignación de data- a 31 de decembro de 2023.

257.308 persoas figuraban en lista de agarda estrutural hospitalaria na Galiza -a lista oficial, que non contempla as esperas "non estruturais", por exemplo, as persoas pendentes de cita ou asignación de data- a 31 de decembro de 2023, segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio español de Sanidade.

Delas, 45.027 esperaban por unha cirurxía (case dúas mil menos que na anterior publicación, de xuño de 2023) e 212.282 por unha consulta (1.600 máis). En ambos os dous casos aumentan os días que ten que esperar a paciente para ser intervida ou atendida.

Así, en espera cirúrxica pasouse neses seis meses de ter que agardar unha media de 66 días para ser intervida a 67. Un día de aumento no ano 2023 en que a Xunta da Galiza se marcara como obxectivo que esa agarda media non superarse os 55 días.

Eses tempos medios, segundo as estatísticas publicadas por Sanidade, aumentaron para se operar en especialidades como uroloxía (de 59 días de espera no primeiro semestre de 2023 a fechar o ano con 71, 12 máis), cirurxía xeral e de dixestivo (+6, até 61 días de agarda), xinecoloxía (+7, teñen que agardar para ser intervidas 51 días), neurocirurxía (+6) ou oftalmoloxía, onde agora para se operar hai que agardar 66 días, 8 máis que seis meses antes.

Consultas

2023 despediuse con 212.281 galegos e galegas nas listas de agarda do Servizo Galego de Saúdo (Sergas) para unha consulta hospitalaria. O número aumentou en 1.621 persoas en seis meses, unha media de case 10 cada día durante ese período.

Tamén incrementou o tempo medio de espera para ser atendido por unha especialista, que é de 73 fronte aos 63 do primeiro semestre do ano. En 2022 a media de agarda para ser atendido era de 66 días e en 2021 de 43. Así pois, só en tres anos, o tempo para ser consultado desde que se pide a cita aumentou en 30 días, un mes.

De xuño a decembro de 2023 a agarda para ser atendido por profesionais da medicina en especialidades como cirurxía e dixestivo pasou de 37 a 61 días (23 días máis), en traumatoloxía de 61 a 75 días de agarda, en uroloxía de 38 a 71 e en xinecoloxía de 32 a 58.

Este aumento das esperas deixa pegada tamén na porcentaxe de citas en consultas que implican máis de 60 días de espera. Eran 36% do total en xuño pasado e en decembro xa representaban 43%, unha suba de sete puntos porcentuais.