Mapa interactivo

Oito de cada dez concellos carecen de asistencia bucodental na sanidade pública: hai odontólogo no teu?

Máis de 350.000 persoas non poden sufragar a asistencia odontolóxica na Galiza. (Foto: Europa Press).
A falta de recursos converte a Odontoloxía nunha das especializades con menor cobertura do sistema sanitario público. Lugo e Ourense ofrecen a asistencia bucodental máis precaria.

Os datos que vén de ofrecer o Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan que 254 concellos galegos carecen de prazas de dentista dentro da sanidade pública. As cifras da última Enquisa Europea de Saúde apuntan a que 359.800 cidadás e cidadáns da Galiza carecen de recursos económicos para sufragar esta prestación.

81,2% dos municipios galegos non contan con prestación odontolóxica dentro da rede sanitaria pública. Segundo os datos achegados polo IGE para 2023, último ano con cifras, 254 concellos galegos, un máis que no pasado exercicio, non dispoñen nos seus centros de saúde de prazas de dentista. Non por un casual, a asistencia odontolóxica é unha das disciplinas sanitarias ás que máis recursos destina a poboación galega.

 

Os servizos de Odontoloxía na Atención Primaria mantéñense nas cifras de hai 20 anos. Neste sentido, o número de profesionais que prestan os seu servizos nos centros de saúde da Galiza é o mesmo de 2004, primeira anualidade con datos, téndose amortizada unha praza no exercicio de 2023. Ademais, unha porcentaxe das prazas recollidas na carteira de servizos da sanidade pública galega atópanse vacantes, nuns casos con carácter temporal e noutros de forma permanente

Os datos fornecidos polo IGE deben ser matizados. Unha parte significativa das prazas asignadas polo Sergas aos centros de saúde non son a tempo completo, polo que a asistencia odontolóxica fóra dos grandes núcleos urbanos é a tempo parcial, partillando o mesmo profesional para diferentes localidades. Así, por exemplo, un único dentista atende pacientes dos catro concellos da Mariña con Odontoloxía.

As prazas de dentista nas áreas sanitarias

A asistencia odontolóxica préstase en oito concellos da área sanitaria da Coruña-Cee As Pontes, Fene, Ferrol, Narón e Ortigueira son os únicos municipios da área sanitaria de Ferrol que contan con este servizo nos centros de saúde. A situación repítese para a área sanitaria de Compostela en 12 concellos.

A área de Pontevedra-O Salnés dispón deste servizo en cinco municipios e a de Vigo en 10. Así, no primeiro caso a metade dos profesionais adscritos ao Sergas pasan consulta en Pontevedra e no segundo, acontece unha situación análoga coa cidade de Vigo. Tanto é así, que na primeira das cidades desenvolven a súa actividade catro dentistas e na segunda 10.

A situación é aínda máis complicada nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense. Só 11 dos 67 concellos da área luguesa e oito dos 92 municipios da ourensá contan con servizo de Odontoloxía nos seus centros de saúde. Nestas dúas demarcacións sanitarias a prestación ofrécese naquelas vilas cabeceira de comarca con máis poboación.

A saúde dental na Galiza

A escasa cobertura da sanidade pública explica a precaria saúde dental da cidadanía galega. Nesta liña, a Enquisa Europea de Saúde destaca que en 2020, último ano con datos, 402.500 residentes na Galiza padecían caries, 360.000 sangraban polas enxivas ao pasar o cepillo, 130.900 contaban cunha peza que se lles movía e 1.313.400 carecían de dentes ou moas que non foran substituídas.