253 concellos galegos carecen de dentista na sanidade pública

359.800 persoas non teñen recursos na Galiza para pagar un odontólogo privado. (Foto:Europa Press).

A asistencia odontolóxica é moi limitada na sanidade pública. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), 80,9% dos concellos galegos carecen desta prestación. 359.800 cidadás e cidadáns da Galiza carecen de recursos económicos para sufragar esta prestación.

253 concellos galegos non contan con dentista na sanidade pública. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística  para 2021, último ano con cifras, en 80,9% dos municipios do país non se presta este servizo na Atención Primaria. Precisamente, a asistencia odontolóxica é unha das disciplinas sanitarias ás que máis recursos destina a poboación galega.

Os servizos de Odontoloxía na Atención Primaria mantéñense nas mesmas cifras de hai, practicamente, 20 anos. Neste sentido, o número de profesionais que prestan os seu servizos nos centros de saúde da Galiza é o mesmo desde 2004, primeira anualidade con datos. Aliás, unha porcentaxe das prazas ofrecidas na carteira de servizos do Servizo Galego de Saúde atópase vacante, pola negativa do Segas a cubrir as baixas temporais ou de xubilación.

Oito concellos da área sanitaria da Coruña-Cee dispoñen de asistencia odontolóxica. As Pontes, Fene, Ferrol, Narón, Pontedeume e Ortigueira son ós únicos municipios da área sanitaria de Ferrol que prestan esta asistencia nos centros de saúde. A situación repítese para área sanitaria de Compostela en 12 concellos.

A área de Pontevedra-O Salnés dispón deste servizo en seis municipios e a de Vigo en 10. Así, no primeiro caso a metade dos profesionais adscritos so Sergas pasan consulta en Pontevedra e no segundo, acontece unha situación análoga coa cidade de Vigo.

A situación é aínda máis precaria nas área sanitaria de Lugo e Ourense. Só 11 dos 67 concellos de Lugo e 8 dos 92 municipios de Ourense contan con servizo de Odontoloxía nos seus centros de saúde. Nestas dúas circunscricións sanitarias a prestación ofrécese naquelas vilas cabeceira de comarca con máis poboación.

A escasa cobertura da sanidade pública e as dificultades económicas explican a precaria saúde dental da cidadanía galega. Nesta liña, a Enquisa Europea de Saúde destaca que en 2020, último ano con datos, 402.500 residentes na Galiza padecían caries, 360.000 sangraban polas enxivas ao pasar o cepillo, 130.900 contaban cunha peza que se lles movía e 1.313.400 carecían de dentes ou moas que non foran substituídas.

Sanidade privada

A falta de recursos económicos para sufragar os servizos de odontoloxía é unha realidade estendida na Galiza. Segundo reflicten os datos da Enquisa Europea de Saúde 2020, nesa anualidade 359.800 galegos e galegas non puideron acudir ao dentista por carecer de medios económicos para facer fronte ao pago das prestacións sanitarias que precisaba.

Os datos ofrecidos pola Enquisa Europea de Saúde 2020 indican que 284.400 residentes na Galiza acudiran á consulta do odontólogo nos últimos tres meses e 922.900 no último ano. Porén, 1.134.400 galegos e galegas afirmaban non ter recibido asistencia dental no último ano e 18.700 non ter acudido ao dentista en toda a súa vida.