Denuncia ecoloxista

250 puntos negros de vertedura nas rías galegas

Arco Iris denuncia a existencia de máis dunha vintena de verteduras novas ás rías galegas no último ano.

A asociación ecoloxista Arco Iris denuncia a existencia de máis dunha vintena de verteduras novas ás rías galegas no último ano.

Nun comunicado, pon en dúbida o plan de control de verteduras da Xunta, á vez que alerta da existencia de ao redor de 250 puntos negros de vertedura nas rías.

Unha situación que identifica con "un evidente fracaso de toda a política de saneamento das rías, que ven incrementada ano tras ano a carga contaminante que reciben e que aumenta o fenómeno da  eutrofización".

Chama a atención sobre que rías como O Barqueiro, Viveiro, Ares, Ferrol, A Coruña, Muros e Corcubión "ofrecen en 2020 peores datos que en 2019", pois "aumentan os puntos de verteduras ilegais en 13, provocando un aumento intolerábel da contaminación difusa".

Sinala que "os esforzos" do Goberno galego "céntranse" nas rías de Arousa e Vigo, a pesar dos cal "reúnen entre as dúas até 79 cloacas".

A carga contaminante media será este ano de 17 euros e 89 céntimos -importe total que suma o gravame por volume, materias en suspensión, materias  oxidables, nitróxeno, fósforo, sales solubles, metais e materias  inhibidoras-, o que considera unha " bicoca fiscal" que impide que "as empresas máis suxas progresen adecuadamente no obxectivo de vertido cero, que non se alcanzaría ao actual ritmo "até o ano 2083".

Contaminación

No informe de 2020 Ecoloxistas situaba na Galiza seis ‘bandeiras negras’, advertencia sobre as zonas máis agredidas do litoral. Tres delas por mala xestión no litoral e outras tantas por mor da contaminación. Algunhas delas acompañan os informes e denuncias dos colectivos ambientalistas desde hai anos.

As ‘bandeiras negras’ por mala xestión corresponden á Praia das Delicias (Sada), Porto de Marín e á A Mariña. As ´bandeiras negras’ por contaminación son para a Praia de Lires (Cee) , a Factoría de ENCE (Pontevedra) e Alcoa, en San Cibrao.