Un 25 de xullo para lucir con orgullo o 'Documento Galego de Identidade'

Puntogal posibilita a través da súa web obter o DGI personalizado. A asociación destaca que quer “resaltar e visibilizar o orgullo de ser galego”.

Puntogal lanza para este 25 de xullo o que cualifica como “un agasallo moi especial”: a posibilidade de ter o Documento Galego de Identidade (DGI) na rede. Un billete personalizado que se poderá obter entrando en www.dominio.gal, para despois descargar e, se quixer, partillar nas redes sociais. A iniciativa, destaca a asociación, fai parte da campaña 'Celebremos a nosa identidade' coa que Puntogal festexa o Día da Patria. Como parte desta campaña, os dominios .gal ofreceranse a menos de 20 euros (máis IVE) nos rexistradores acollidos á promoción. A rebaixa no prezo dos dominios estará vixente entre o 25 de xullo e o 7 de agosto nos seguintes rexistradores: 101Domain, Arsys, CdMon, Dinahosting, DonDominio, Host Europe e OVH.

A asociación conclúe tamén nesta data o proceso de renovación das súas páxinas web. En www.asociación.gal pódese atopar dende agora información sobre a asociación que sustenta o dominio dende os seus inicios. Os usuarios poderán consultar a listaxe de entidades asociadas ou os dominios pioneiros. Dispón tamén dunha intranet para a comunicación coas entidades asociadas. O obxectivo é que a páxina sexa o novo punto de encontro para quen queira coñecer ou apoiar o proxecto.