25 veciños e un bombeiro forestal con motobomba evitan que o lume arrase a parroquia de Folgoso

A veciñanza colabora nos labores de extinción dos incendios. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza denuncia a falta de medios públicos e a descoordinación dos efectivos.

A medida que as xornadas avanzan e a vaga de incendios non remite, seguen a coñecerse novas historias nas que a veciñanza xoga un papel moi importante para evitar que as lapas calcinen os principais núcleos rurais que se atopan en perigo.

É o caso da parroquia de Folgoso, principal núcleo de Folgoso do Courel, onde na noite de onte 25 veciñas e veciños e un brigadista cunha motobomba evitaron que o lume arrasase as vivendas e as infraestruturas do núcleo rural.

En conversa con Nós Diario, un dos veciños que participou nos labores de control deste foco que puxo en risco a parroquia de Folgoso denunciou que o único medio público co que contasen para evitar que as lapas chegasen aos domicilios fose un brigadista e unha motobomba.

O mesmo veciño explicou que cada día que pasa crece o malestar entre a poboación local, que asegura a falta de medios é cada vez "máis escandalosa". "O Courel ardeu xa moitas veces ao longo dos anos, e nunca faltaran tantos medios como os que están a faltar agora", engadiu.

Folgoso do Courel, sen brigada municipal

Outros dos aspectos que xera malestar entre a veciñanza é que, a día de hoxe, o concello de Folgoso do Courel segue sen contar con unha brigada municipal, xa que a Xunta optou por demorar a sinatura do convenio co Goberno local.

"Non sei para que pagamos impostos, se despois cando necesitamos da Xunta e do Goberno español non podemos contar con eles", lamentou o veciño.

Aliás, a veciñanza subliña o grao de descoordinación dos efectivos despregados tanto polo Executivo galego como o estatal. Sinalan especialmente a Unidade Militar de Emerxencia (UME), á que critican pola súa "pouca presenza" nas frontes máis activas do lume.

Polo de agora, arderon xa na Galiza 22.260 hectáreas. Os testemuños de brigadistas e veciñanza dos concellos afectados apuntan a que a situación estaría lonxe de poder ser controlada, a medida que van aparecendo novos focos.