As 25 noticias máis censuradas nos grandes medios de Estados Unidos

O 'Project censored', da Universidade estatal de Sonoma (California) leva desde 1976 investigando “as noticias que non saen nas noticias”. Anualmente publica a listaxe das 25 novas máis censuradas. Estas son as de 2016: desde a omnipresenza das forzas especiais de EUA até a posibilidade de influir mediante algoritmos en condutas de voto. 

Existe realmente unha omisión ou censura sistemática de certos temas ou problemáticas nos principais medios de comunicación de Estados Unidos? Coa finalidade de responder a esta pregunta naceu en 1976, e a raíz do escándalo 'Watergate', na Universidade estatal de Sonoma (California) o 'Project Censored'. O profesor Carl Jensen, canda colegas de universidade e alumnos, comezou investigar aqueles temas que non se facían oco nas axendas mediáticas. Embora haber investigacións e reportaxes documentadas, contrastadas e fundadas e atinxir estas temas de interese, ficaban no esquecemento.

O PC publica anualmente unha listaxe con aqueles 25 temas ou asuntos que, a criteiro dos responsábeis do proxecto, non foron tratados debidamente polos principais medios ou ben nin sequer foron tratados. A iniciativa conta con firmes partidarios no mundo do xornalismo e mesmo máis alá (Noam Chomsky, por exemplo) mais tamén detractores, que lembran, por exemplo, que nas súas listas deu pábulo e credibilidade a teorías conspiratorias sobre o 11S.

En todo o mundo

No Top de 2016 Project Censored sitúa no máis alto, como a principal noticia censurada, a omnipresenza das forzas armadas estadounidenses e os seus grupos de operacións especiais en todo o mundo. Están despregadas no 70% dos estados. Unha reportaxe de investigación de Nick Turse, falando con diversas fontes, tamén do alto mando, afirma que as Forzas de operacións especiais (SOF, nas súas siglas en inglés) están en 147 dos 197 estados do mundo. “Un incremento do 80% desde o ano 2010”.

“Todos os días, en entre 80 e 90 estados, a SOF realiza operacións especiais "non nomeadas", misións das que o alto mando rexeita dar explicacións”, mantén Turner, que denuncia que desde o 2001 os fondos destinados a este tipo de actuacións multiplicáronse por tres.

Medicina

Outra das novas que non tivo tratamento por parte dos medios corporativos foi, a xuízo de PC, o relativo a evidencias de erros na medicina. Richard Horton, editor de Lancet, unha prestixiosa revista médica, afirmou que “unha parte non pequena da literatura científica [en medicina] pode ser simplemente falsa”. Refírese Horton a estudos e investigacións que se fan empregando mostraxes moi pequenas como para ter resultados determinantes ou ben con focaxes procurando resultados premeditados, sen esquecer o “influxo indebido” da industria farmacéutica “sobre a profesión médica”. Unha das investigacións determinou como un medicamento que en EUA se prescribira a dous millóns de adolescentes non era eficaz, puxo como exemplo.

Influír no voto

Os algoritmos e o voto electrónico poden variar o resultado das eleccións estadounidense que se desputan a vindeira semana. Este é outra das cuestións que PC inclúe na súa lista. A tecnoloxía, explican, fornece oportunidades de influír no voto, máxime cando a vitoria se decide por porcentaxes axustadas.

Robert Epstein e Ronald E. Robertson, do Instituto Americano de investigación tecnolóxica, realizaron un estudo no que se centraron en 4.200 votantes indecisos. A través de aplicar algoritmos que determinan os contidos das buscas en internet e da información que flúe polas redes sociais lograron o que cualifican como “resultados sorprendentes”: “Puidemos cambiar a preferencia de voto do 20%”.

Estes son só 3 dos 25 temas que PC considera que merecían un tratamento xornalístico polos grandes medios. O poder do lobby farmacéutico, os motivos que hai detrás da guerra de Siria, o proxecto do FBI para investigar alumnos de institutos, a dependencia dos combustíbeis fósiles... son outras das cuestións. Podes acceder a todas elas, aquí