25-N nas rúas, nas fiestras e nas pantallas

Acto contra as violencias machistas en Baiona, dentro da campaña En negro. (Foto: Nós Diario)
A excepcional situación sanitaria que rodea este 25-N obriga a modular as formas, mais non o fondo da mensaxe que promove esta data. Con máscara e distancias ou desde a casa, a Galiza volverá reivindicar esta cuarta feira que a loita contra as violencias machistas debe ser prioritaria. Máis, se cadra, nun contexto de pandemia.

Porque a loita contra as violencias machistas é tamén unha loita contra a invisibilidade, institucións, plataformas, colectivos e espazos feministas da Galiza mobilizaranse neste 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, malia as dificultades que engade o contexto sanitario derivado da pandemia e as medidas de prevención.

Farano extremando as precaucións na rúa e sacando partido a outros espazos, como na propia casa ou ás redes sociais, mais sen esquecer que o machismo é "outra gran pandemia" para a metade da poboación. 

"Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas", sinala o lema elixido pola coordinadora galega da Marcha Mundial das Mulleres para a súa convocatoria, que chama a estar pasado mañá na rúa para evitar que as restricións oculten unha situación que non desaparece co virus.

No seu caso, as concentracións terán lugar na Coruña –20 horas no Obelisco–, na Estrada –20 horas diante do Concello–, en Ferrolterra, ás 19 horas na praza Amada García de Ferrol–, en Compostela, ás 20 horas no Obradoiro–, en Ourense –cunha manifestación que sairá ás 19 horas da Subdelegación do Goberno–, en San Cosme de Barreiros –ás 20 horas diante do Concello–, e en Vigo, cunha manifestación que sairá ás 19 horas da Vía Norte.

Tamén en Vigo, unha hora máis tarde, as organizacións agrupadas no feminismo unitario farán unha concentración "sen bandeiras nin faixas" na rúa de Colón. Desde a organización lembran a necesidade de cumprir escrupulosamente as distancias e levar a máscara para garantir "o coidado de todas".

Xunto con estes actos, os 140 concellos adheridos á campaña En negro contra as violencias –na que participan tamén dúas deputacións, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino– opta este ano por centrar as accións no plano virtual a través de Facebook, Twitter ou Instagram, onde chama a colgar mensaxes e materiais cos cancelos #EnNegro2020 #NonEstásSoa ou #QuerémonosVivas

En Carballo (19.30 horas) e Marín (20.30 horas), entidades feministas convocan cazoladas desde fiestras e balcóns para reivindicar a fin das violencias. 

As xornalistas, coa igualdade nos medios

Coincidindo con esta efeméride, a asociación Xornalistas Galegas anunciou onte que rexistrará unha proposición non de lei de iniciativa popular no Parlamento para solicitar un reforzo nas medidas de control da aplicación das leis de igualdade e de prevención das violencias machistas nos contidos dos medios ante os "incumprimentos sistemáticos" que detectan.