25-N: Miles de persoas saen ás rúas da Galiza contra "todas as caras" da violencia machista

Manifestación contra a violencia machista decorrida esta segunda feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
O movemento feminista tinguiu esta segunda feira de violeta vilas e cidades da Galiza con motivo do 25 de Novembro. Máis dunha vintena de concellos acolleron mobilizacións na tarde desta segunda feira, nas que se alertou de que "a violencia machista ten moitas formas", ao tempo que se pedía "combatelas todas". 

Máis de 20 mobilizacións convocadas por plataformas e colectivos feministas decorreron esta segunda feira en vilas e cidades da Galiza con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista. O movemento feminsita levou a cabo mobilizacións ademais de nas sete principais cidades, nas Pontes, Carnota, Cee, Chantada, Fene, Lalín, Laxe, O Carballiño, O Porriño, Ponteceso, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, no Val Miñor, Vilalba e, o domingo, en Betanzos. Miles de persoas marcharon detrás de faixas que este ano puxeron o foco en que “A violencia machista ten moitas formas, combatámolas todas”. En Vigo a convocatoria da manifestación que percorreu a cidade, impulsada por Resposta Feminista, aglutinou as viguesas apelando a “Que a vergoña mude de bando. Feminismo sen tregua!”. A Plataforma Feminista de Lugo tamén sacou ás rúas miles de mulleres para denunciar que “Violencia institucional é igual ad obre violencia patriarcal”. Pontevedra.

Os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial e o Observatorio contra a Violencia de Xénero, relativos a 2023, reflicten que a Galiza rexistrou máis de 20 vítimas de violencia de xénero ao día, un 7,6% máis que en 2022. Entre xaneiro e decembro de 2023 a Galiza contabilizou 7.438 vítimas. A taxa da violencia de xénero no país -mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres- foi de 53,1. Nese tempo os órganos xudiciais ditaron 2.415 sentenzas en procesos de violencia de xénero, das que 81,8 % foron condenatorias. Concedéronse 1.299 ordes de protección e ditáronse 679 medidas cautelares civís. Os primeiros datos de 2024, do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, falan dun novo aumento de casos na Galiza nos meses de abril, maio e xuño, cunha media diaria de 21 denuncias e unha cifra que xa chega ás 1.955. Cos datos na man, e as catro mulleres asasinadas no que vai de 2024 na Galiza a mans das súas parellas ou ex parellas –só na pasada fin de semana dúas mulleres sufriron agresións machistas en Lugo e Vilalba– os colectivos feministas de todo o país reivindicaron esta segunda feira nas rúas “máis orzamentos, máis medidas estruturais, máis protección ás mulleres e máis educación en igualdade”.

Nas mobilizacións recordouse Andrea Yturry Alave (Ribeira, O Barbanza); Mercedes Ríos Muñíz (A Coruña), Fadoua Akkar (Moaña, O Morrazo) e Estela Blach Silva (Baiona, comarca de Vigo), vítimas de feminicidio neste ano.

A Marcha Mundial das Mulleres, que promoveu e divulgou as máis de vinte mobilizacións, reclamou no seu manifesto deste ano medidas para loitar contra a violencia psicolóxica, a sexual, a xudicial a violencia na saúde e tamén no traballo.

Educación en igualdade e medidas de autoproteción para “vivir sen medo”, traballo e vivenda para as vítimas da violencia sexual, formación para o persoal funcionario e ampliación dos xulgados de xénero para “non seguir revitimizando ás que denuncian”, servizos públicos sanitarios pensados desde a perspectiva de xénero, que se obrigue as empresas a ter protocolos de acoso e no caso da Xunta reclamaron rematar coa “incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no Goberno do PP na Xunta”.

Unha loita de xeneración en xeneración

Ana Torrón.

A loita das mulleres tinguiu esta segunda feira de lila as rúas do país. Esta loita ten facianas, historias e idades detrás, e deixa claro un relevo xeneracional. Ana Torrón ten 64 anos e arredor de vinte de loita activa desde o feminismo na Plataforma Feminista de Lugo. Explica a Nós Diario como comezou todo, “eu primeiro ía as manis de Madrid porque na Galiza non había, pero un día vin a tres mulleres manifestándose en Lugo, eran Sara, Patricia e Begoña, achegueime a elas e até agora estamos loitando, e cando eu me vaia hai unha lexión de mulleres detrás”.

Marta Romero é integrante da Marcha Mundial das Mulleres. Esta segunda feira leu na Praza de Pratarías de Compostela o manifesto logo da mobilización. Recoñece que “queda moitísimo por facer, parece que cada ano temos que retomar a loita”. Critica as políticas da Xunta e do Estado español na loita contra a violencia de xénero, “non poñen o foco nos colectivos feministas, no que pasa na rúa, non están”. Explica que “seis de cada 10 mulleres do rural galego non se identifican coas campañas” institucionais sobre violencia de xénero.

Os colectivos feministas teñen testado coas vítimas os problemas na práctica das políticas actuais na loita contra a violencia machista. Ana Torrón explica que “os Centros de Información ás Mulleres (CIM) non funcionan porque non hai persoal, o Vioxén, que é lei, na práctica non existe en Lugo e isto xera grande impotencia".

Marta Romero afonda nos fallos do Vioxén, explica que “xera ansiedade” en moitas usuarias porque “pita sen que o agresor estea perto, só por falta de batería ou por estar nunha estrada, e fai que moitas vítimas acaben deixando de usalo”.  

Resposta nas rúas: A violencia sexual, vicaria, económica ou psicolóxica

Rakel Crespo.

Uxía Deiros ten 17 anos, estuda Bacherelato en Lugo e esta segunda feira asistiu á manifestación con motivo do 25 de Novembro. “A violencia machista é un asunto pendente para a nosa sociedade”, explica a Nós Diario, “é precisa unha reivindicación pública e facernos sentir”. Non é a primeira vez, á súa corta idade, que acode a un acto reivindicativo feminista, “síntome partícipe e é necesario que as institucións escoiten á poboación, que escoiten ás mulleres” para rematar con este problema. Rakel Crespo ten 31 anos e participa en Resposta Feminista en Vigo, critica a falta de recursos e de vontade das Administracións para loitar contra a violencia machista, pon o foco nos distintos tipos de violencia “económica, vicaria, psicolóxica, sexual...”. Alerta de que Vigo “non ten unha boa asistencia, a rede está sobrecargada e, por exemplo, non hai atención as fins de semanas”. 

Actos públicos

Ademais das mobilizacións da tarde, esta segunda feira pola mañá institucións, sindicatos, partidos e asociacións  convocaron actos e lecturas de manifestos de condena do “terrorismo machista”.

Numerosos Concellos acolleron concentracións silenciosas ao longo da mañá e deron lectura a manifestos de condena de todo tipo de violencia maschista.