Día contra a violencia machista

25-N: O feminismo mobilízase á vez contra "todas as violencias"

Mobilización contra as violencias machistas o 25 de novembro de 2021 en Compostela. (Foto: Arxina)
'Se o presente é loita, o futuro será libre'. Con este lema a Marcha Mundial das Mulleres convoca xunto a Plataforma Feminista Galega unha trintena de mobilizacións na Galiza con motivo do 25-N e o obxectivo de condenar a violencia sobre as mulleres: psicolóxica, sexual, xudicial, institucional e na saúde.

No Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o feminismo galego chama a ocupar as rúas para denunciar "todas á vez" as distintas formas de violencia. "Ningunha afecta máis ca outra, porque todas están atravesadas polo mesmo fío condutor: un patriarcado criminal que nos quere submisas", recolle a Marcha Mundial das Mulleres (MMM) no seu manifesto con motivo do 25-N.

'Se o presente é loita, o futuro será libre'. O seu berro sentirase mañá en perto dunha trintena de localidades galegas nas que o feminismo galego chama a reivindicar a fin das violencias machistas: "Estamos fartas!".

Guía de mobilizacións

A Marcha Mundial das Mulleres, xunto a Plataforma Feminista Galega, percorrerá as rúas de Vigo, Compostela e A Coruña a partir das 20 horas en tres manifestacións que partirán desde Vía Norte, a praza 8 de marzo e o Obelisco, respectivamente. Lugo, Ourense e Pontevedra súmanse a esta mobilización con senllas concentracións, á mesma hora, na Subdelegación do Goberno, a Castañeira e a Audiencia Provincial.

Tamén anunciaron mobilizacións outras 20 localidades. Ás 19 horas, Vila de Cruces,  na praza da Igrexa. Ás 19.30 horas, As Pontes (praza do Hospital), Carnota (praza da Pedra), Celanova (praza Maior) e Narón (praza da Gándara). Ás 20 horas, Catoira (alameda do Concello), Cee (praza 8 de marzo), O Porriño (praza do Concello), Ponteceso (praza do Recheo), Ribadavia (praza Maior) e Val Miñor (cruce da Ramallosa. A partir das 20.30 horas, A Estrada (praza do Concello), Betanzos (detrás do palco da música), Lalín (praza da Igrexa), Noia (diante do Concello), Ordes (Alameda), Sarria (praza da Vila), Vilagarcía (praza de Galiza) e Vilalba (praza da Constitución).

Feminismo e traballo

Completan a axenda prevista para este 25-N outras iniciativas locais ademais dos chamamentos das organizacións sindicais. Baixo o lema 'Traballo digno e sen violencias', a Secretaría das Mulleres da CIG convocou para mañá o X Encontro nacional de mulleres da CIG no salón de actos do edificio sindical da Coruña, unha cita na que delegadas de todo o país avaliarán o peso do machismo no traballo antes de saír en manifestación, ás 12 horas, até a sede da Confederación de Empresarios na Praza de Luís Seoane.

Como cada ano, CCOO sumarase ás convocatorias do feminismo galego. Tamén UXT acudirá ás marchas convocadas en Vigo e na Coruña, ademais de impulsar concentracións en Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía diante de cadanseu edificio sindical. Será ás 12 do mediodía en todas as cidades salvo en Ourense, ás 11 horas.

As deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña continuarán mañá coa súa axenda contra a violencia de xénero. A de Lugo coa andaina 'En camiño contra as violencias' a partir das 12 horas desde a praza de San Marcos. A de Pontevedra con dous espectáculos de 'Mulleres en acción. Violencia Zero' no Pazo provincial e no Museo MARCO. E a da Coruña, con ciberaccións e un espectáculo de danza no IES Puga Ramón da Coruña.