25 anos da "independencia" da Illa de Arousa: Que valoración fai o seu alcalde?

Praia da Illa de Arousa. (Foto: Europa Press)
Para conmemorar o feito, esta sexta feira terá lugar na chaira do Bao un festival gratuíto no que actuarán as Tanxugueiras e Budiño.

Este 2022 cúmprese un cuarto de século da separación da Illa de Arousa do concello de Vilanova de Arousa. Un feito que, en palabras do alcalde actual, Carlos Iglesias, significou un "progreso" e "un avance". 

Foi no o ano 1997, cando os 'carcamáns' (alcume co que se coñecen os habitantes da Illa) decidiron separarse definitivamente de Vilanova. En declaracións a Europa Press, o rexedor sinalou que este fito significou un cambio entre "a noite e o día" para a pequena localidade arousá.

A modo de exemplo, remarcou a melloría en canto ao saneamento. "Antigamente o sistema de rede de sumidoiros era moi precario e todo se vertía ao mar", lembrou.

Desta forma, Iglesias tamén fixo referencia ao "gran afán" de independencia e de ser "xestionados por eles mesmos" que tiñan os habitantes.

O alcalde lembrou como viviu aquel fito, nun momento no que non era maior de idade. "Estaba todo o pobo implicado desde os máis pequenos aos máis maiores. Vivimos este proceso como algo insuperábel", detallou.

Celebración dos 25 anos de separación

Para conmemorar o 25 aniversario da constitución do concello da Illa de Arousa, esta sexta feira, 26 de agosto, terá lugar na chaira do Bao un festival gratuíto no que actuarán as Tanxugueiras e Budiño. Ademais, o encargado de abrir e conducir o evento será o actor Carlos Blanco.

Iglesias sinalou que, tras os anos "terríbeis" da pandemia, o Goberno local pretende facer "un día de festa para reivindicar os 25 anos de independencia".

Precisamente, no Bao atópase a ponte que une a Illa co "continente", inaugurada o 14 de setembro de 1985 e un dos emprazamentos significativos para os partidarios da separación do concello de Vilanova de Arousa.