Chaman a sumar mans en Compostela o 24 de xullo pola repatriación dos presos independentistas

Cadea humana polos presos independentistas

Ceivar convoca para as vésperas do Día da Patria a tradicional  'Cadea humana pola liberdade', iniciativa que neste 2016 chega á súa IX edición.

Ceivar convoca para o 24 de xullo unha nova edición, e van nove, da 'Cadea humana pola liberdade', o acto solidario que, con punto de partida na Praza de Galiza de Compostela, percorre diferentes espazos da cidade para reivindicar a liberación dos presos independentistas. Unha iniciativa na que as persoas participantes, por volta dunhas 300 nas últimas edicións, unen as súas mans para marchar pola zona vella reclamando, en palabras da entidade organizadora, “ a repatriaçom das independentistas presas, a suspensom das estratégias de extermínio carcerário”.

Desde a marcha de 2015 houbo, sinala Ceivar, unha escalada represiva que se concretou en operativos como a 'Operación Jaro', ordenada pola Audiencia Nacional e que provocou a detención de nove independentistas e a ilegalización de facto de 'Causa Galiza'.