24 de novembro: greve no ensino medio galego contra a Lomce as reválidas

Convocada por Erguer, Asemblea nacional de estudantes galegas e Acción Universitaria. “A Lomce está deseñada para dar maiores facilidades para estudar ás elites”.

En Galiza continúan as mobilizacións e iniciativas contra a Lomce e as reválidas. Concentracións, referendos, recollida de sinaturas... A comunidade escolar redobrou nestas semanas os actos para exixir a derrogación desta lei. Agora, e máis unha vez, as organizacións estudiantís dan un paso e convocan unha nova greve. Será o 24 de novembro e no ensino medio de Galiza. Erguer, Asemblea nacional de estudantes galegas e Acción Universitaria son as entidades que chaman ao alumnado a apoiar esta nova mobilización.

“Estamos ante unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular, na que aínda que aprobemos todos os cursos da ESO ou do Bacharelato, o que determinará se obtemos o título ou non será un único exame”, explican. Insisten en que esta lei educativa “está deseñada para dar maiores facilidades para estudar ás elites, apoiando as axudas públicas a centros privados, incluso a aqueles que segregan o alumnado por cuestión de xénero”. Así, lembran que este curso 2016-17 comezou con 84 centros públicos menos e 38 privados máis.

Que a materia de relixión compute para a media e que sexa unha lei “que ataca a nosa lingua” e que procure “devolver competencias educativas ao goberno do Estado” son cuestións que merecen unha reposta do alumnado e comunidade educativa en xeral. “A Lomce deseñouse plenamente de costas á comunidade educativa galega, e tanto o profesorado e as familias coma o alumnado amosamos en repetidas ocasións o noso rexeitamento á mesma.”.

A Plataforma Galega en defensa do ensino apoia a xornada de mobilizacións.

Horarios:

Compostela, 12h. na Alameda.

Pontevedra, 12h. na Peregrina.

Vigo, 12h. na Praza América.

A Coruña, 12h. na Praza da Palloza.

Lugo, 12h. na Praza do Seminario.

Ourense, 12h. diante da Subdelegación do Goberno.

Ferrol, 12h. diante do Edificio da Xunta.

Concentracións:

Ás 18:00 horas

Vigo Farola de Urzaiz

Ás 19:00 horas: 

Pontevedra Praza da Peregrina  

Compostela Praza Roxa  

Lugo Diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes          

Ourense  Xardíns do Padre Feixoo            

Cangas Praza do Concello

A Coruña Praza de Pontevedra

Ferrol Praza de Amada García

Ás 19.30 horas:

Carballo Praza do Concello         

Cee Praza 8 de Marzo    

Vilagarcía Praza de Galiza