24 horas de manifestación ‘non stop’ contra a explotación dunha canteira en Teo

Imaxe dunha mobilización anterior en Casalonga

Colectivos da comarca de Santiago farán relevos dunha hora de duración para manifestarse ao longo da N-550 ao seu paso pola Casalonga. Protestarán contra o reinicio dunha canteira.

Anpas, gandeiras, asociacións culturais, clubes deportivos, comisións de festas, plataformas ambientais, e diversos colectivos da comarca de santiago farán relevos dunha hora de duración para manifestarse ao longo da N-550 ao seu paso pola Casalonga. Esta é a cerna da mobilización ‘non stop’ de 24 horas que vai desenvolverse esta fin de semana en Teo contra o reinicio da actividade nunha vella canteira. Unha gran mobilización que concluirá o domingo ás 12 horas iniciarase sábado ás 12 horas) cunha gran manifestación veciñal que dará comezo no campo da festa do Monte Carmelo, onde se facilitará aparcadoiro gratuíto, e que baixará até a entrada da pista da canteira.

 

O 16 de marzo a Xunta confirmaba a intención da empresa Toysal de iniciar a explotación mineira da antiga canteira de casalonga tras desistir no seu intento de abrir un vertedoiro.

 

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos considera que esta explotación é un intento “de dilación do dereito mineiro, que doutra maneira caducaría en breve, para así xustificar un futuro plan de “restauración” da canteira”. Porén, afirma a Plataforma, esta “restauración” nunca tería que facerse efectiva, posto que a canteira a día de hoxe xa se atopa rexenerada de maneira natural mediante unha lagoa que xerou ao seu arredor todo un ecosistema no que habitan e crían numerosas especies como patos e outras aves.

 

Esta empresa nunca se dedicou á minería, denuncian, senón á xestión do lixo. “O negocio atópase nun plan de restauración que pasará por reencher de residuos o monte até as cotas iniciais, soterrando así o ecosistema actualmente existente e contaminando para sempre o terreo, os manantiais e os regatos da zona, chegando a afectar ao río Ulla e de aí á ría de Arousa”.