23 anos do testemuño de Ana Orantes: un punto de inflexión no tratamento violencia machista

Ana Orantes en Canal Sur.

O 4 de decembro de 1997 a granadina Ana Orantes expuña nunha entrevista nun programa de Canal Sur os malos tratos aos que era sometida por parte do seu marido. Aos 13 días era asasinada e producíase un punto de inflexión na visibilización da violencia machista en todo o Estado.

O grave problema social e político da violencia de xénero non foi de dominio público no Estado español até 1997 cando os medios de comunicación abriron os informativos e as primeiras páxinas dos xornais coa noticia do asasinato da andaluza Ana Orantes a mans do seu ex marido, José Parejo.

Trece días antes, a muller, quen sufrira en silencio os malos tratos do asasino, atrevíase a contar nun programa da televisión andaluza a violencia machista que sufría por parte de Parejo. Durante os 35 minutos que durou a conversa, Orantes detallou as agresións físicas e psicolóxicas perpetradas pola súa ex parella:

“Tiña once fillos, non tiña a onde ir (...) porque eu non podía irme cos meus pais nin con ninguén. Tiña que aguantalo, que aguantar que me dese malleiras sobre malleiras, malleiras sobre malleiras, un día si, outro non e no do medio. Que me dixese todo o que el quería (...) eu tíñalle pánico, eu tíñalle medo, eu tíñalle horror (...).

O testemuño de Orantes e o seu asasinato provocaron unha gran repercursión na sociedade e supuxeron un punto de inflexión na visibilización da violencia machista. Foron as organizacións feministas quen obrigaron a pór na axenda mediática a violencia de xénero. Tamén os medios de comunicación desenvolveron un papel destacado como elemento de presión dos poderes públicos, que iniciaron entón sucesivas medidas políticas e legais para tentar atallar o problema.

Da "obra dun excéntrico" á aprobación de leis

O daquela vicepresidente do Goberno español, Álvarez Cascos, cualificara o de Orantes como “caso illado obra dun excéntrico”. Meses despois, o PP aprobaba o Plan de acción contra a violencia doméstica, que impulsou a modificación do Código Penal e da Lei de axuizamento criminal para incluír o delito de “violencia psíquica exercida con carácter habitual”. Tamén se aprobou unha “nova medida cautelar que permita o distanciamento físico entre o agresor e a vítima” (Lei 14/1999).

Anos máis tarde, baixo o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero viu a luz verde, por unanimidade, a Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero (Lei Orgánica 1/2004). No capítulo II “No ámbito da publicidade e dos medios de comunicación, destaca o artigo 14, que recolle que fomentarán “a protección e salvagarda da igualdade entre home e muller, evitando a discriminación entre eles”.

Porén, as rutinas xornalísticas de gran parte dos medios de comunicación perpetúan aínda hoxe unha representación acrítica e ahistórica en relación á violencia machista e seguen a reproducir estereotipos machistas.

A galega, unha lei pioneira

Tres anos despois da lei orgánica aprobada no Congreso saía adiante a Lei galega 11/2007, de 27 de xullo para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Unha normativa pioneira, impulsada pola Secretaría Xeral de Igualdade encabezada por Carme Adán, que por vez primeira en todo o Estado español recollía medidas como o "salario da liberdade" e que non condionaba a recepción de axudas públicas a vítimas da violencia machista á presentación da denuncia penal.

A propia Adán, no seu libro Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (Galaxia) pon de manifesto que na actualidade resulta insuficiente considerar a violencia de xénero como unha forma extrema desigualdade. Propón que se defina como "o instrumento máis potente do patriarcado para manter e reproducir a desigualdade".

Concentracións na Galiza

Vinte e tres anos despois do testemuño de Ana Orantes, a violencia machista segue a deixar vítimas mortais, a última, a veciña de Gondomar, asasinada a mans da súa parella. O movemento feminista convocou para a tarde desta sexta feira concentracións en cidades e vilas galegas.