23.000 sinaturas exixen a Feijóo ''unha solución'' para a estafa das preferentes

[Imaxes: Zapa da Costa]

A Coordenadora galega de plataformas de afectad@s entregaron as rúbricas no rexistro da Xunta desde onde criticaron que o Goberno galego "salve os bancos" e mire cara ao outro lado cos seus aforros.


A Coordenadora galega de plataformas de afectad@s na estafa das participacións preferentes e subordinadas perpetrada por Novagalicia Banco entregaron esta terza feira no rexistro da Xunta un total de 23.000 sinaturas con que reclaman a Feijóo "unha solución" que lles garanta a devolución do cen por cen dos seus aforros.

Non imos parar até os cartos recuperar, advertían os autocolantes colocados nas lapelas d@s representantes da Coordenadora que se personaron na compostelá rúa do Hórreo, onde ten a sede o rexistro.

No seu nome falou o voceiro da plataforma do Baixo Miño, Xulio Vicente, quen fixo brincadeira do "único apoio" que reciben da Xunta: multas e sancións "de miles de euros" impostas "a persoas de setenta ou oitenta anos que seica son un perigo público". 

"Aquí non pode valer todo", continuou Vicente en declaracións aos medios. Nesta liña, recordou a Feijóo que a competencia para resolver sobre o calote é do seu goberno polo que o "se lle boto a culpa a Bruxelas desfágome do problema" non calla entre @s estafad@s.

En termos semellantes pronunciouse tamén o voceiro da plataforma en Compostela, Xesús Domínguez. Enfatizou que "o desamparo" en que o presidente do Goberno galego deixou @s afectad@s "só nos deixa a vía da denuncia, civil ou penal". Aliás, advertiu de que as mobilizacións non cesarán, ao entenderen que os casos que se resolveron "foi grazas á presión social". 

Porén, a este respeito, puxo o acento no "agravio comparativo" entre unhas e outras persoas afectadas, pois namentres algunhas recuperaron todos os aforros investidos en preferentes e subordinadas a outras só lles devolveron o que tiñan destinado no primeiro produto. "Perante a mesma estafa a mesma solución e que os responsábeis paguen", proclamou Domínguez.