21F: concentracións nas cidades galegas contra o “xuízo-farsa” ao independentismo catalán

Convocadas pola plataforma Galiza con Catalunya baixo o lema “Autodeterminación non é delito”.

A vindeira quinta feira, 21 de febreiro, as sete principais cidades de Galiza acollerán concentracións de denuncia do “xuízo-farsa” ao independentismo catalán e de solidariedade para coas persoas encausadas neste proceso.

 

Convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya, as concentracións terán lugar ás 20:00 horas en Compostela (Praza do Toural), A Coruña (Subdelegación do Goberno); Ferrol (Prza Amada garcía), Lugo (Subdelegación do Goberno), Ourense (Subdelegación do Goberno), Pontevedra (Pza Peregrina) e Vigo (Farola de Urzáiz). O lema das mobilizacións: “Autodeterminación non é delito”.

 

A plataforma entende que este xuízo é un acto “político e non imparcial

 

A plataforma Galiza con Catalunya, da que fan parte diversas organizacións sociais, políticas, sindicais e culturais de Galiza, acordou a principios de febreiro a súa reactivación para facer seguimento do xuízo contra líderes políticos e sociais cataláns polo referendo de autodeterminación celebrado o dia 1 de outubro de 2017.


A plataforma entende que este xuízo é un acto “político e non imparcial que pode acabar impondo condenas de até 25 anos de prisión a persoas elixidas democraticamente polo simple feito de teren facilitado unha votación aberta, transparente e xusta sobre un tema que non interesa ao Estado español”.

 

As organizacións membros da Plataforma lembran que o dereito de autodeterminación está recollido como tal nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos (en particular no PIDCP, ratificado polo Estado español en 27 de xullo de 1977) así como en numerosas resolucións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas e que é un dos principios fundamentais do dereito internacional público.