21.900 adolescentes de entre 14 e 17 anos corren perigo de seren ludómanos

Salón de xogo con máquinas comecartos. (Foto: Europa Press)
O sector do xogo está a experimentar un gran desenvolvemento.

O problema do xogo na Galiza está acadando unhas dimensións descoñecidas. Segundo sinala a Nós Diario o director terapéutico da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (Agaxa), Xan Lamas, "actualmente atópanse en risco de ludomanía 20% de mozas e mozos de entre 14 e 18 anos". Na mesma liña, significa que "o estudo terapéutico elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo do Goberno estatal apunta a que máis de 1% das persoas maiores de 18 anos teñen problemas co xogo".

O estudo a nivel galego máis recente sobre a cuestión, elaborado en 2019 mediante 9.059 entrevistas a rapazada de entre 12 e 17 anos, e realizado polo profesor da Universidade de Santiago Antonio Rial Boubeta, sinala  que "case 1 de cada 4 menores, 24%, recoñece ter apostado diñeiro algunha vez na súa vida nalgún tipo de xogo de azar". Asemade, "8,1% recoñece ter apostado no transcurso do último mes, o cal revela que, a pesar de ser ilegal e de ter importantes consecuencias para a saúde mental e para a convivencia, estamos ante unha práctica relativamente habitual". O informe de Rial avanza que 22,6% da mocidade de entre 14 e 18 anos afirma apostar de forma presencial e 7,1% a través de internet.

Nesa dirección, revela que "as modalidades de xogo máis habituais, as máquinas de apostas deportivas de bares e cafetarías, constitúen o principal atractivo para as e os adolescentes, e en case 80% dos casos nin sequera se lles pide documento de identidade". Con relación ao impacto a nivel dunha posíbel ludomanía, "case 1 de cada 10 menores que apostan podería estar a ter problemas co xogo".

O sector do xogo está a vivir un gran desenvolvemento na Galiza. Neste sentido, un informe realizado por Podemos afirma que a Galiza conta con "116 casas de xogo, 41 locais específicos de apostas, 12 bingos, tres casinos e 6.899 máquinas tipo 'b' en hostalaría", o cal, supón 4,30 salóns de xogo, 1,52 locais de apostas, 0,44 bingos, 0,11 casinos e 255,80 máquinas 'b' en hostalaría por cada 100.000 habitantes. Na mesma liña, o relatorio da formación morada recolle que 1.383 cidadás e cidadáns galegos aparecen inscritos no Rexistro estatal de auto prohibicións do xogo.

Os problemas de ludomanía vense favorecidos na Galiza pola ausencia lexislativa. A este respecto, Xan Lamas indica que "compren novas medidas normativas" e urxe "unha nova lexislación" que supere a actualmente vixente, aprobada en 1985. Na mesma orientación, as forzas da oposición parlamentaria teñen afeado ao Executivo a súa lentitude á hora de sacar adiante a nova lei e as concesións á patronal do xogo.

Lei do xogo

O Consello Económico e Social (CES) da Galiza tense ademais amosado moi crítico coa proxecto de Lei de xogo presentado pola Xunta. Así, entende que "no proxecto de lei debería aludirse con máis contundencia á problemática xerada nos últimos anos pola práctica incontrolada do xogo e a súa particular afección aos sectores sociais máis vulnerábeis e desfavorecidos". Asemade, "tampouco comparte o CES o feito de que a norma non prevea a desaparición das máquinas comecartos e de apostas nos estabelecementos de hostalaría".

As relacións entre o Partido Popular e a patronal do xogo

A "conivencia" entre a patronal do xogo e o Partido Popular é unha crítica que vén de lonxe das forzas da oposición. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, é un habitual dos actos da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO). Segundo sinalan a Nós Diario empresarios do xogo, Rueda non adoita fallar ás ceas de aniversario ou aos encontros que anualmente realiza AGEO, sinalando no último deles, en outubro de 2020, que o do xogo "é un sector ordenado e responsábel" e definiuno como "un dos sectores produtivos máis importantes da Galiza".

O presidente de AGEO, Serafín Portas, está casado coa deputada do Partido Popular por Pontevedra Lupe Murillo Solís, politicamente considerada como unha persoa moi próxima a Alfonso Rueda.