21.001 persoas emigraron durante 2020

A mocidade é un colectivo especialmente golpeado pola emigración. (Foto: Germán Poo)
80.000 galegas e galegos de entre 16 e 29 anos marcharon ao longo da última década. O coronavirus non puido coa emigración. Malia que a pandemia limitou os movementos de poboación e mudou algunhas tendencias, un total de 21.001 persoas abandonaron a Galiza en 2020. O Estado español e o resto de Estados da UE foron os destinos de referencia.

O ritmo da emigración caeu en 2020. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), un total de 21.001 persoas deixaron a Galiza en 2020, desprazándose 14.862 delas a diversos puntos do Estado español. Madrid, con 3.130 galegos; Catalunya, con 1.878 e Andalucía, con 1.708, encabezaron a lista de territorios receptores, ficando este ano fóra do podio as Canarias, moi golpeada economicamente pola pandemia. Por outra banda, outras 6.139 galegas e galegos puxeron rumbo a outras partes do mundo, estabelecéndose na súa práctica totalidade nos destinos tradicionais da emigración galega en Europa.

A diferenza con 2019 resultou significativa. Mentres nesa anualidade marcharon da Galiza 28.853 persoas, 19.778 con destino ao Estado español; a cifra minguou neste exercicio en 7.853 persoas, situándose nos números dos anos iniciais do século XXI e rachando coa tendencia iniciada tras a gran recesión.

Porén, os datos de 2020 resultaron especialmente duros por coincidiren cunha crise de dimensións descoñecidas que limitou en gran medida os movementos de poboación e paralizou a actividade económica a nivel internacional. Neste sentido, a Galiza representou unha anomalía nas nacións da Unión Europea e certificou tendencias descoñecidas no país até 2009.

319.727 novos emigrantes nunha década

Un total de 319.727 persoas abandonaron a Galiza na última década. Os datos recollidos no histórico do Instituto Galego de Estatística rexistraron 209.567 emigrantes entre 2010 e 2020 ao Estado español e 110.160 a outros Estados do continente europeo, incidindo, especialmente, nas franxas de poboación de menor idade, até o punto de que, nese período, marcharon máis de 80.000 mozas e mozos de entre 16 e 29 anos. A maiores, o éxodo galego presentou unhas características novas, ao producirse a expulsión de residentes nunha etapa recesiva do ciclo económico internacional, momento noutras épocas históricas de retorno de emigrantes e que explicou as alzas de poboación nos anos 30, após o crack do 29, ou nos primeiros anos oitenta, tras o estoupido da crise do petróleo de 1973.

A emigración das últimas décadas partillou os destinos do éxodo galego da segunda metade do século XX. Así, a 31 de decembro de 2020 residían no Estado español 337.984 galegas e galegos, atopándose a principal colectividade en Madrid, con 78.401 persoas, seguida de Catalunya con 60.058, e situándose a unha significativa distancia Euskadi, con 39.044, Canarias, con 23.158, Castela e León, con 22.976, Asturias, con 21.895 e Andalucía, con 21.601. Neste sentido, ao longo do século XXI gañou forza como foco de atracción Madrid, fenómeno reflexado na baixa media de idade da emigración galega á capital de España e advertido en diversas investigacións elaboradas nos últimos anos.

O informe Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal, elaborado en 2020 por investigadores do prestixioso Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) e coordinado polos profesores Francisco Pérez e Ernest Reig, explicou que “o enorme poder de atracción de Madrid derívase, en boa medida, das economías de especialización e de aglomeración que goza”. Asemade, advertiu das súas consecuencias, “influíndo no proceso de perda de poboación dos territorios do Estado” e “contribuíndo a drenar capital humano da maioría de rexións, ao converterse nun polo de atracción polas oportunidades derivadas da concentración en Madrid do 21% das ocupacións cualificadas de España”.

Os principais destinos da emigración galega a Europa na últimas década coincidiron con aquelas nacións onde as galegas e galegos se asentaron hai máis de medio século, sumando en xullo de 2020 un total de 93.886 persoas. Suíza contaba con 33.440 residentes ao fechamento do ano 2020, situándose a continuación Francia con 17.013, seguida de Alemaña con 14.842, Reino Unido con 13.097, Portugal con 3.648, Países Baixos con 3.162, Bélxica con 2.395 e Andorra con 2.392. A emigración a Europa recibiu un importante impulso a partir de 2008, colocándose por riba das 10.000 persoas cada ano a partir de 2013 e manténdose nesas cifras até 2018. Ao tempo, a partir de 2016 evidenciouse un proceso de retorno á Galiza dunha parte desa poboación, porén segue sendo unha cifra pequena e formada maiormente por poboación en idade non activa.

A historia de nunca acabar

Galiza leva séculos sangrando a través da ferida aberta pola emigración. Segundo estudou o catedrático da USC Isidro Dubert, “é unha realidade estrutural na nosa historia”, con “cingo grandes vagas emigratorias de desigual intensidade e duración” entre finais do século XVI e comezos do século XXI.