21 persoas faleceron na Galiza na actual vaga de altas temperaturas

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, que segue sen remitir. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O episodio "extraordinario" de calor cesará na sexta.

21 persoas perderon a vida na Galiza entre 30 de setembro e 8 de outubro por causas atribuíbeis ás altas temperaturas, que están a marcar rexistros moi por riba do que é habitual nesta época do ano. O ano pasado nese mesmo período na Galiza non se rexistrara ningunha morte derivada do exceso 

de calor.  O episodio "extraordinario" de altas temperaturas para esta época do ano acumula dez días consecutivos de récord de calor, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que sinala que unha situación así non se daba desde hai máis de 50 anos e que prevé o final da mesma a partir da sexta feira,  día 13, cando entrará unha borrasca atlántica na Galiza que que fará descender os termómetros e que deixará choivas.

A actual vaga de calor deixou este sábado, 7 de outubro, récords de máxima para este mes na Galiza, xa que na Coruña chegouse a 33,4ºC, que superaron os 31,5ºC de 2 de outubro de 2011. Até que a sexta feira chegue a baixa de temperaturas e as choivas, a calor seguirá a presidir esta semana. 

Esta terza e cuarta feira non se esperan cambios, de modo que serán días de ambiente "moi cálido" para a época, con máis de 30ºC en diversos puntos da Galiza. A sexta achegarse un sistema frontal que deixaría choivas na Galiza. As máis abundantes espéranse no oeste do país, aínda que non se pode desbota que se estendan de forma máis débil a algunhas comarcas interiores galegas.

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade. A calor figura como unha das responsábeis na Galiza de mortes "atribuíbeis á temperatura". En setembro os mortos foron 60, o pasado mes de agosto 167 e en xullo, 39. 

A mortalidade que se atribúe á calor moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor. O que realmente fai a calor ou o frío é agravar outras patoloxías que xa existen.