2024 chega cun tremor de terra en Triacastela

Triacastela. Foto: Jule Berlin

Triacastela entra no ano novo cun tremor de terra, 27 anos despois de a localidade rexistrar o maior sismo na Galiza.

O ano comezou no concello de Triacastela (comarca de Sarria) cun tremor de terra de magnitude 3,5, segundo recolle o Instituto Xeográfico Nacional. En concreto, o tremor produciuse sobre as 1,23 horas da madrugada a 20 quilómetros de profundidade e o seu epicentro estivo nunha área na que limitan os municipios de Samos, Folgoso do Courel, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro.

Pouco despois, pasadas as 3 horas da madrugada, Baños de Molgas (comarca de Allariz-Maceda) tamén rexistraba un pequeno tremor, neste caso de 1,8 graos de intensidade. Antonte houbo un sismo en Padrenda (Terra de Celanova), ás 18.26, cunha magnitude de 1,9 e a 22 km de profundidade.

Aliás, no Día de Nadal o concello do Carballiño (comarca homónima) rexistrou un terremoto de baixa intensidade, concretamente de magnitude 1,7 na escala de Richter. O tremor, con epicentro na localidade de Arenteiro, produciuse entre as parroquias de Mesego e O Torrón pasadas as 8.30 horas. Segundo o Instituto Xeográfico Nacional tivo unha magnitude de 1,7, polo que se considera de baixa intensidade, e o seu hipocentro situouse a 15 km de profundidade. O concello carballiñés xa rexistrara dous sismos o pasado mes de outubro, ambos na madrugada do día 19. Un de magnitude 2,9 e outro de 1,8 pero a tres quilómetros de profundidade, sendo percibidos pola veciñanza.

 

27 anos do maior terremoto rexistrado na Galiza

A terra tremeu na Galiza ás 1,50 horas das madrugada do 22 de maio de 1997 como non se rexistrara até entón. O terremoto, de 5,1 graos na escala de Richter (intensidade VI na escala macrosísmica europea), tivo o seu epicentro en Triacastela.

Aquela madrugada os servizos de emerxencias e Protección Civil de varias poboacións próximas a Sarria e Lugo colapsaron momentaneamente e a Radio Galega chegou a recibir máis de 10.000 chamadas de ouvintes. A modo de exemplo, a Policía Local de Santiago de Compostela informaba de que algúns veciños saíron dos seus fogares "aterrorizados" polo corremento de mobles, sen saber o que estaba a ocorrer.

Máis aló de momentos de angustia, non deixou importantes danos materiais, a excepción a caída dunha casa en construción en Becerreá, o esborralle do tellado e unha parede dun alpendre semiderruído en Pedrafita do Cebreiro e o realoxamento dos inquilinos dunha vivenda en Láncara pola caída dunha fachada.

Tamén houbo cristais de xanelas rotos, pequenos desprendementos en estradas comarcais e algunha greta en edificios antigos de Verín e Ribadavia.

Con todo, este tremor relacionouse cunha vítima mortal, xa que un veciño de Sarria de 40 anos sufriu sobre as 6.30 horas da madrugada dese 22 de maio un infarto de miocardio, cando se atopaba nun escampado ao que acudira acompañado doutros veciños fuxindo dos movementos de terra, segundo informou no seu momento a Policía Local.

 

Sempre haberá terremotos na Galiza

"Seguro que haberá sempre terremotos", así de claro se expresaron na Rede Sísmica Nacional sobre como será o futuro no triángulo sísmico galego, xa que "son pequenas fallas activas que se van cargando de esforzos e, de cando en vez, reláxanse".

A pesar diso, sinalan: "Non nos preocupa moito o tema, porque son fallas pequenas, é difícil que se produza un terremoto grande".

A base de datos do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) "na zona da Galiza só ten agora mesmo marcadas unha serie de fallas pequenas, que son curtas", en dirección Norte-Sur e paralelas na zona de Lugo, que "é como un triángulo onde están concentrados todos os terremotos e estas fallas".

"Para que haxa un terremoto de grandes dimensións fai falta que a falla que a produce sexa moi grande" e "os xeólogos falan de que non existe ningunha estrutura moi grande capaz de xerar eses terremotos" na zona, indican.