Desde 2017, a USC rexistrou un total de 15 casos de acoso, a maioría de tipo sexual

María Jesús Lorenzana, Antonio López e Cristina López (Foto: USC).
As universidades galegas demandan colaboración directa coa Xunta para loitar contra o acoso nos seus centros.

As IV Xornadas de sensibilización e prevención da violencia sexual da mocidade comezaron esta segunda feira na Universidade de Santiago de Compostela (USC) co acto de inauguración e as primeiras intervencións. Nese contexto coñecéronse os datos da USC que indican que rexistrou 15 casos de acoso desde 2017, cando entrou en vigor o seu Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e acoso.   

Así mesmo, deses 15 casos totais, 11 correspóndense con acoso sexual e catro con acoso por razón de sexo, mentres que "non houbo, até o momento, ningún caso de acoso por orientación de xénero", segundo explicou a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez.

Con máis detalle, a responsábel de Igualdade indicou que en 13 casos as persoas afectadas foron estudantes e en dous persoal contratado en empresas que dan servizo á universidade.

Polo que respecta ás persoas denunciadas, sete deles eran estudantes, cinco profesores, un era investigador en formación, outro correspondente a empresa externa e un de persoal de administración e servizos.

Colaboración institucional

Durante a inauguración destas xornadas que se desenvolven no marco da campaña galega "Agresión Off", representantes das tres universidades galegas salientaron a importancia de colaboración directa das entidades educativas e o Goberno galego nesta cuestión. 

Así, o reitor da USC, Antonio López, lamentou que na actualidade haxa comportamentos que vai 15 ou 20 anos "eran impensábeis" e que agora "se dan con moita frecuencia e normalidade". Tamén, a vicerreitora de Igualdade da UDC, Cristina López, incidiu na importancia do papel das universidades e a investigación, remarcando que as xornadas son "fundamentais para as reflexións", mais que é "importante que esas reflexións se tomen en serio".

Nesta liña postulouse a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Uvigo, María Isabel Doval,  que avanzou que esta segunda feira a Cátedra de Feminismos 4.0 presenta o seu segundo informe de resultados, titulado A violencia machista dixital a través da prensa galega. 

No mesmo acto, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou que as vítimas de trata e de explotación sexual "van acceder á totalidade" de recursos da Xunta contra a violencia de xénero. Entre outras, sinalou ás prestacións que brindan as vítimas para ter "unha independencia económica e poidan independizarse".