2016, o ano máis quente desde que hai rexistos

Fotografía do fenómeno climático coñecido como El Niño tomada desde un satélite da NASA

Segundo os dados compilados por tres axencias internacionais, a temperatura media global do ar e a superficie en terra alcanzou os valores máis altos desde que existen rexistos, isto é, desde 1880. Isto non significa, claro, que non podamos viver episódicas vagas de frío polar, como a que está a piques de chegar a Galiza.

A temperatura media en 2016 no conxunto do planeta superou en 0,94ºC o promedio do século XX, de acordo co relatorio realizado pola axencia espacial norteamericana (NASA), a axencia gobernamental dos EUA para a atmosfera e os océanos  (NOAA, nas súas siglas en inglés) e o Met Office do Reino Unido.

O récord anterior data de 2015, o cal mostra que a tendencia á alza das temperaturas, síntoma do cambio climático, non se detén.

O documento suscrito polas devanditas axencias internacionais sinala que o récord de temperatura global xa foi batido en cinco ocasións no que vai de século (2005, 2010, 2014, 2015 e agora 2016).

O estudo atribúe o récord á suba das temperaturas nos océanos, con especial incidencia para o fenómeno climático coñecido como El Niño, moi significativo nos primeiros meses de 2016, no Océano Pacífico.

Non todo o planeta rexistou a mesma alza. Destarte, en Europa non foi o ano máis quente, ficando por baixo das temperaturas alcanzadas en 2014 e 2015, por esta orde. "Non temos a expectativa de que o planeta bata récords todos os anos, mais a tendencia a longo prazo é clara", dixeron fontes da NASA a Reuters.