Manuel Martín, portavoz SOS Sanidade Pública

“Desde 2010 reduciron o persoal facultativo en case 500 profesionais”

[Imaxe: Redacción Médica] Manuel Martín

Manuel Martín, médico de Atención Primaria e portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, radiografía nesta entrevista concedida a Sermos Galiza os motivos dos atrasos na expedición de citas médicas, das demoras excesivas nas salas de espera dos centros de saúde ou do estado de saturación que padece o persoal facultativo. Centra a súa crítica no Goberno de Alberto Núñez Feixóo, a quen acusa de recortar orzamentos na sanidade pública e de favorecer a sanidade privada.

Como valora a plataforma SOS Sanidade Pública a falta de médicas e médicos de Atención Primaria, incluídas e incluídos pediatras, nos últimos meses?

 

Esta situación é a consecuencia lóxica da política de recortes sanitarios levada a cabo polo Goberno de Feixóo e que afecta de xeito especial o colectivo médico e, sobre todo, a Atención Primaria. Desde 2010 reduciuse o persoal facultativo en case 500 profesionais, dos que o 70% foron en [Atención] Primaria, tanto de Medicina Familiar como de Pediatría. Con esta política, o PP pretendía alcanzar tres grandes obxectivos: reducir gasto sanitario público, debilitar o sistema de saúde para abrir oportunidade de penetración ao negocio privado e no caso da Atención Primaria, favorecer o negocio coa saúde, centrándoo na atención especializada e hospitalaria e marxinando a promoción e prevención de saúde que é o fin fundamental da Atención Primaria.

 

Cal é a consecuencia da situación que describe?

 

Como consecuencia disto, non se substitúe o persoal de vacacións, co que as demoras superan en gran parte dos cupos os sete días (algo incompatíbel co nivel primario) ou féchanse consultas de pediatría, obrigando as familias a levar os nenos a centros afastados dos seus domicilios ou a urxencias atendidas por persoal facultativo non especializado en Pediatría. Isto supón unha barreira de acceso á atención e a perda de calidade.

 

Como afecta ás persoas profesionais na prestación dunha atención sanitaria ter que atender cada día un número de pacientes tan elevado?

 

Ao non substituírse o persoal a consulta de quen están de vacacións distribúese entre os que non o están, co que moitas consultas poden superar os 50 pacientes diarios, especialmente nas localidades turísticas que duplican ou triplican a poboación. Este elevado número de consultas xera esgotamento, favorece os erros e reduce a calidade asistencial. Un persoal sanitario sometido a tanto estrés conduce á frustración e a un mal ambiente laboral que leva a que moitos emigren a outras comunidades autónomas ou ao estranxeiro, deixando sen persoal o SERGAS.

 

Que medidas habería que tomar para evitar unha situación que se repite cada verán?

 

Habería que incrementar o orzamento sanitario, recuperar todas as prazas recortadas (algo difícil a curto prazo, xa que para formar a un ou unha especialista en Medicina Familiar ou Pediatría son necesarios 10 anos) e acabar coa precariedade e inestabilidade laboral (as condicións de traballo en moito do persoal son dunha grande explotación) para intentar recuperar a quen emigrou. En resumo, acabar coa política de redución do sector sanitario público e planificar os postos de traballo en función da demanda de atención e das necesidade da poboación galega.