Láncara, Sanfíns, Miñor, Manselle... até 20.000 apelidos na Galiza teñen un único portador

Fernández é o apelido máis común na comarca da Mariña. (Foto: A. Caballero)
Na Galiza hai ao redor de 20.000 apelidos que teñen un único portador. No outro extremo, Rodríguez, o máis común no país, lévano por volta de 237.000 persoas. Manselle, Mourentán, Láncara ou Miñor figuran entre eses antropónimos galegos que están en perigo de extinción.

Rodríguez é o apelido máis común na Galiza con 237.000 persoas que o levan. O mesmo país onde hai máis de 20.000 apelidos que teñen un único portador. Láncara, Sanfíns, Miñor ou Manselle son algúns deses antropónimos galegos que están en perigo de extinción. Estes son algúns dos datos que se recollen en Antroponimia e lexicografía, unha publicación elaborada polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega que pretende contribuír a afondar no coñecemento dos apelidos na Galiza.

Século XVI

Todos os apelidos e nomes da Galiza son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870. Neste sentido, o galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, como ten recordado a filóloga e membro da Real Academia Galega (RAG) Ana Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados.

No caso dos apelidos, que xa eran hereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de modo desigual. Temos apelidos galegos case en extinción e a súa forma 'castelanizada' gozando dunha boa saúde. Aí están exemplos como os pouco máis de 200 Outeiro e máis de 42.000 Otero; ou que non se chegue aos 1.000 Martíns e  haxa 113.000 Martínez; en 2011 ficaban tres Eanes e había máis de 7.000 Yáñez, a súa 'deturpación' castelanizada.

Segundo datos da Real Academia Galega ao redor de 16% dos apelidos na Galiza están castelanizados —por exemplo, os Outeiros que pasaron a Oteros— e 4% teñen unha forma híbrida, como sería o caso, por exemplo, de Seijas por Seixas.

Os 20 apelidos máis frecuentes —uns 200— na Galiza representan 60% do total. E o 40% restante corresponde a miles de patronímicos, moitos existentes unicamente en galego e que están desaparecidos ou a un paso da súa desaparición.